A Dra. Luisa Ibáñez incorpórase ao equipo médico do Leite Río Breogán

A traumatóloga especialista en medicina deportiva colaborará máis estreitamente co Dr. Luís Coira
Onte anunciamos a chegada dunha gran fichaxe ao equipo médico do club.
— Leche Río Breogán (@CBBreogan) December 8, 2020
Esperamos non ter que darlle demasiados minutos de traballo a @luigibanez! ;)#forzabreo #FagamosEquipo #LecheRíoBreogán pic.twitter.com/r5O617XBCH
Tras varios anos sendo xa a traumatóloga de referencia en virtude do acordo con Hospital POLUSA e Fremap, Luisa Ibáñez e o club dan un paso máis na súa relación e a doutora traballará máis preto do equipo en constante colaboración co Dr. Luís Coira, o fisio Pablo Duarte, o preparador fisco Rubén Portes e o resto do corpo técnico.
Luisa Ibáñez é unha recoñecida trumatóloga especialista en medicina deportiva por cuxas mans pasaron innumerables deportistas de elite (entre os que se atopa o laureado Javier Gómez Noya), aos que axudou a recuperar o seu mellor nivel tras lesións de distinta consideración. Tamén foi a doutora encargada de resolver cirurxicamente lesións de xogadores que pasaron polo Breogán, como Schaftenaar, Fakuade ou Guille Rubio, ou os actuais Salva Arco ou Roope Ahonen, a quen segue a súa evolución diariamente en estreita comunicación co resto do equipo técnico.
O director xeral do Breogán, Tito Díaz confesou que oficializar a colaboración de Luisa Ibáñez era unha materia pendente porque como afirmou «leva anos colaborando co Breogán. É unha gran noticia que traballe connosco e será habitual vela en partidos, e con frecuencia no día a día do club colaborando co resto do equipo médico».
O responsable dos servizos médicos celestes, o Dr. Luís Coira, mostrouse satisfeito da colaboración de Luisa Ibáñez con quen mantén unha relación profesional desde hai anos e cuxo traballo en equipo contribuirá a mellorar a capacidade do club para detectar e recuperar lesións e calquera problema médico que xurda no persoal.
Ademais da súa especialidade médica, Luisa Ibáñez coñece, como recoñecida deportista en disciplinas como o tríatlon, o deporte de alto nivel desde todas as súas perspectivas, o que facilita a súa compresión e comunicación cos deportistas de elite.
Ibáñez dixo que a súa consulta «está sempre aberta aos deportistas de Lugo e como lucense de adopción, non se me ocorre mellor maneira de colabora que facelo co equipo da miña cidade para axudar na medida do posible a que se cumpran os obxectivos».
Preguntados pola evolución de Roope Ahonen, intervido no seu xeonllo, os dous médicos do club coincidiron que os prazos se cumpren segundo o previsto, e aínda que, como dixeron: «a medicina non é matemáticas», confiamos que se vaia incorporando ao traballo co grupo desde o mes de xaneiro, sempre coa prudencia que os aspectos médicos requiren.
Tras a rolda de prensa, os doutores Coira e Ibáñez, co preparador físico Rubén Portes, e o fisioterapeuta Pablo Duarte, puxéronse ao choio cun test físico completo dos que realizan periodicamente con Roope Ahonen e que lles permite medir día a día a súa evolución grazas a un intensivo traballo en equipo.