ABANCA reforza o seu apoio ao CB Breogán para as tres próximas tempadas

Compartir con

ABANCA reforza o seu apoio ao CB Breogán para as tres próximas tempadas

ABANCA convértese nun dos principais patrocinadores do club

ABANCA e o Club Baloncesto Breogán acaban de renovar a súa colaboración coa firma dun novo acordo para o próximas tres tempadas, que converte á entidade financeira galega no seu banco oficial e nun dos principais patrocinadores do equipo.

O novo convenio reforza o vínculo de ABANCA co Breogán, que esta tempada regresou á máxima categoría do baloncesto español, a liga Endesa. A marca da entidade financeira galega terá unha maior presenza tanto no equipamento do club como na cancha do Pazo dos Deportes de Lugo.

O presidente do CB Breogán, Jesús Lázare, e o director territorial de ABANCA en Lugo, Javier Soto, acudiron esta mañá ao Pazo dos Deportes lucense para coñecer a nova equipación de xogo do equipo, que loce a marca de ABANCA na traseira da camiseta. Jesús Lázare expresou a súa satisfacción polo acordo: “Estamos plenamente satisfeitos e agradecidos de contar co compromiso de ABANCA durante os próximos anos. Será un pracer e un reto traballar para seguir crecendo, algo que, sen dúbida, será máis fácil co apoio dunha entidade tan importante”, resaltou. Pola súa banda, Javier Soto afirmou que “para ABANCA é un gran orgullo ligar a nosa marca ao deporte, con cuxos valores sentimos moi identificados, e reforzar o noso apoio a un club histórico como o Breogán para seguir camiñando xuntos nesta ilusionante etapa na elite do baloncesto español”.

A nova imaxe da equipación estrearase oficialmente o día 6 de xaneiro, no partido que disputará o equipo celeste contra o Guipuzkoa Basket. Durante este encontro, ABANCA realizará un sorteo de camisetas entre os afeccionados que acudan ao pavillón, e ata final de tempada sortearanse no descanso dos partidos no Pazo agasallos de ABANCA e Cafés Candeas Breogán con duelos de tres en raia xigantes, ao máis estilo NBA.

Partido ABANCA

O acordo de patrocinio contempla tamén a celebración dun partido ABANCA por tempada no Pazo dos Deportes lucense. Nesta campaña coincidirá co encontro entre o Breogán e o Club Baloncesto Málaga, que se disputará a fin de semana do 21 de abril de 2019.

Ademais, no marco deste patrocinio ABANCA convértese na entidade financeira principal do Club Baloncesto Breogán.

Co fortalecemento deste acordo de colaboración, ABANCA consolida o seu apoio ao deporte de Lugo, ao patrocinar aos tres clubs principais da provincia: CD Lugo, Ensino e CB Breogán.

ABANCA reforza o seu apoio ao CB Breogán para as tres próximas tempadas

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Máis información