Algunhas razóns para non faltar o domingo no Pazo (17:00h.)

Chega un dos grandes de Europa ao Pazo. Un equipo que cada tempada loita por todo en Liga Endesa e Euroliga

O Breo no Pazo tras un mes lonxe do “Fogar”

O último partido do Cafés Candelas no Pazo foi o pasado 10 de febreiro ante UCAM Murcia. Tras iso veu o parón da Copa, as Ventás FIBA e o derbi lonxe do Pazo. Un mes despois o #InfernoCeleste volverá a arder.

O rival con Perásovic ao mando:

KIROLBET Baskonia conta cun plantel de ensoño. Un equipazo que xogou por última vez no Pazo dos Deportes na tempada do descenso. Foi o 25 de marzo de 2006 e daquela os celestes caían cunha tripla de Serkan Erdogan sobre a bucina (76-79), a pesar dos 35 puntos e 9 rebotes de Pete Mickeal. Perasovic era, tamén naquela etapa, o adestrador do equipo vitoriano, e o noso coach, Natxo Lezkano, era o seu axudante.

Velimir Perasovic é un dos grandes xogadores da historia breoganista. Unha estrela da liga por aquela tempada 1992/93 vestindo de celeste. Chega como rival moitos anos despois (foino xa no pasado tanto como xogador como como adestrador). “Peras”deixou fonda pegada na memoria celeste e que ten merecido estar na parede de lendas celestes que luce nos pasillos do Pazo.

Partido solidario:

ALCER Lugo será a asociación que difundirá durante o partido, da man do Breo e da Deputación, a labor cos doentes renais. Na provincia hai máis de 30.000 afectados por doenzas do ril, e o Pazo destaca sempre polo seu ton solidario.

O Pazo:

Espectáculo asegurado na pista e na grada. Agárdase un Pazo cheo para gozar cunha nova cita de Liga Endesa.

Concursos:

Volve a Esfera Candelas cun valente que tratará de rematar o percorrido proposto dentro dunha esfera sobre o parqué do Pazo. O premio está asegurado por participar, pero se logra o reto, agarda unha cafeteira e un lote de café para gozar dos produtos da marca patrocinadora Cafés Candelas.

Tamén haberá o “3 en raia ABANCA”. Dous amigos retaranse e amosarán habilidades coa canastra e cun taboleiro xigante de 3 en raia no Pazo. Non é doado sobre todo pensando en que máis de 5000 espectadores pensan dende a grada que o farían mellor!

Máximus:

Regreso a casa da mascota celeste tras proclamarse campioa no concurso Baile de Mascotas de ACB na Copa del Rey de Madrid. Máximus ten gana de dedicar o premio á afección que tanto quere e da que recibe tanto agarimo.

Baile:

Os amigos de Star Dance estarán para agasallarnos cun dos seus espectaculares bailes. Todo espectáculo sobre a pista do Pazo.

BiCAMe:

Ollo porque no descanso a cámara BiCAMe celeste pode que pida que demostres o cariño ao teu ou túa compañeira ou compañeiro de sufrimento na grada.

Moito Máis!

A presentación co speaker, a música, os flocos de millo, a bandeira xigante, a tenda de merchandising (porta 3), o Bella ciao?, o himno…

Non podes faltar!!!

Algunhas razóns para non faltar o domingo no Pazo (17:00h.)

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Máis información