O Ribeira Sacra Breogán concentrarase en Ribadeo onde xogará ante o COB

Compartir con

O equipo lucense, que permanecerá na vila mariñá o xoves e o venres, adestrará no novo polideportivo de Ribadeo, onde se enfrontará ao COB o venres ás 20:00 horas. Ademais realizará sesións físicas en lugares incomparables como a Praia das Catedráis e realizará unha visita pola vila de Ribadeo e unha xuntanza coas categorías de base das escolas do concello. Serán dúas xornadas intensas de pretempada na costa de Lugo.

O Ribeira Sacra Breogán concentrarase en Ribadeo onde xogará ante o COB

O equipo celeste disputará este venres, 5 de setembro, un partido amigable de pretempada en Ribadeo. O acto está organizado polo CB Ría de Ribadeo en colaboración co Concello e a Deputación de Lugo, e nel o club lugués enfrontarase ao Club Ourense Baloncesto. O partido será a partir das oito da tarde no pavillón polideportivo de Ribadeo e as entradas poderán adquirirse antes do inicio nesas mesmas instalacións a un prezo de 3 euros para adultos e 1 euro para nenos e nenas.
Vicente Castro, concelleiro de Deportes de Ribadeo, anunciou que "o vindeiro venres, imos poder ver un partido de baloncesto ás 8 da tarde no pavillón polideportivo de Ribadeo. Este novo pavillón permítenos ter unha oferta diferenciada e de calidade, que se fai apetitosa para clubs das máis diversas especialidades deportivas. Entre elas o Breogán, que xa cando estivo aquí na primavera nos anticipou a súa intención de facer unha pequena concentración de pretempada de preparación aquí, en Ribadeo". Castro agradeceu "a parada que os Clubs Ribeira Sacra Breogán e Ourense Baloncesto fan en Ribadeo, colaborando coas escolas deportivas de aquí, e ofrecéndonos a posibilidade de facer un partido con dous equipos da mesma categoría". O edil recordou que "dende o goberno municipal o que queremos é poñer á disposición dos clubs da provincia as grandes instalacións que nestes momentos temos".
Pola súa parte, José Antonio Sama, responsable do CB Ría de Ribadeo, afirmou que "dende o noso club xa o ano pasado tíñamos coma obxectivo promover o baloncesto en toda A Mariña, e este ano seguimos a traballar nesta liña e empezamos forte da man do Concello. Comezamos cun partido de máximo nivel na provincia de Lugo, pero non queremos que este evento se quede só nun partido. Queremos facer partícipes aos rapaces do noso Club, e por iso, a mesma mañá do partido teremos unha sesión de adestramentos cos rapaces impartida polo primeiro e polo segundo adestrador do Breogán. Nela tamén participarán os xogadores". Sama quixo "agradecer o apoio do Concello, da Deputación e do noso novo patrocinador Hotel Bouza, porque nestes tempos toda axuda é pouca".

PLAN DE TRABALLO

XOVES 4 DE SETEMBRO

--Saída do Pazo dos Deportes prevista para as 9:15 horas.

Chegada e aloxamento.

--Desprazamento atas a Praia das Catedráis. Carreira e traballo físico no paseo e na propia praia.

Comida e descanso.

--Adestramento de tarde no Polideportivo Municipal de Ribadeo (19:00 a 21:00 horas).

VENRES 5 DE SETEMBRO:

--Adestramento en pista de 10:00 a 12:00 horas.

--12:00 horas: Sesión técnica de técnicos e xogadores do Breogán con deopertistas de base das escolas municipáis e CB Ría de Ribadeo.

--Tras a sesión, o equipo realizará unha visita pola localidade de Ribadeo.

Comida e descanso.

--PARTIDO DE PREPARACIÓN, 20:00 HORAS (Municipal de Ribadeo)

  RIBEIRA SACRA BREOGÁN – OURENSE BALONCESTO.

 

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información