Outra enorme tristura nos maltreitos corazóns celestes

Compartir con

Un ano máis e unha enorme pena máis nos milleiros de seareiros que seguen ao Breogán, incansables. O Basquet Coruña foi moi superior no quinto partido en Riazor ante un Cafés Candelas roto que non entrou en ningún momento no encontro. Partido sen historia e o peor partido dos celestes no peor día posible. Un martes calquera, preludio dun mércores de traballo, colexios e ocupacións e madrugóns, converteuse nun martes de Marea Celeste en Riazor.

Outra enorme tristura nos maltreitos corazóns celestes

Centos de breoganistas animaron sen descanso, esqueceron todo por estar co seu equipo. Maiores, nenos, parellas, amigos, coñecidos, cómplices desta paixón…

O equipo non respondeu nesta ocasión, como noutras que deixaron marca nos maltreitos corazóns celestes: Cáceres, Palencia, Ourense, Valladolid… 

Demostrouse unha vez máis o que é Lugo para o baloncesto e o baloncesto para Lugo: Máis que un deporte, máis que unha afección, unha filosofía de vida e un sentimento que hai que vivilo para entendelo.

O termo “Breogán” colábase como Trending Topic España nunha noite na que outro equipo de sufridores xogaba nada menos que unha eliminatoria de Champions League. Alí, na rede social que serve de termómetro para case todo, colábase o sentimento celeste, o que nos une, o que nos ilusiona e o que nos desengana tantas veces. Non sabemos que pasaría si en lugar dunha decepción fora unha vitoria o que escribíramos na nosa historia nesta ocasión.

Moitos dos seareiros que pasaron polo clube estes días a mercar entradas comentaban en broma  que acudían a pola «dose de sufrimento». Así son os breoganistas: Conscientes do difícil que é sempre todo e testudos coa ilusión, orgullosos de non perdela ata nos momentos máis duros.

Tempada dura e chea de problemas que acabou con decepción, pero que non evitou que a ilusión, a de cada ano, estivese presente. Non houbo premio e so queda felicitar ao rival e desexarlle sorte non so na misión de gañar, senón tamén na de facer medrar este deporte nunha cidade na que non o ten doado. Dalgún xeito a súa loita é tamén a de todos os que amamos o baloncesto, a dos que queremos facer entender que onte, por exemplo, houbo xente que deixou o seu sofá e a súa tele con champions apagada, para enfundarse unha camiseta celeste ou laranxa e vivir algo que marca de por vida: O baloncesto.

Cada un saberá o que deu de si nesta viaxe. Si entregou ata o último esforzo pola celeste ou non. O que si é innegable, é que estar no Breogán non admite reservarse, non admite loitar a medias. So hai que ollar á grada en cada partido para saber que o que defendemos é moito máis que un equipo e unhas cores. 

Non é doado tampouco agradecer na medida que se merece o apoio que tivo o equipo en todo momento, a pesares de todo. Dende os patrocinadores e colaboradores ata os aboados, todos son parte do mellor do Breogán: Dos soños e ilusións. Todos merecen, canto antes, poder celebrar algo que se nos leva escapando demasiado tempo.

Uns soñan con voltar a ACB, e outros con vivila por primeira vez. Xa vai unha década dende aquilo. Onte en Riazor había nenos coa celeste de dez anos, de menos e de pouco máis. A ilusión está nos que queren volver a saboreala, e tamén naqueles que aínda non saben o que é. Este é o verdadeiro patrimonio dun club modesto pero grande. O valor do Breogán estará sempre onde se atope a súa afección.

Sigamos loitando por elo e fagamos entre todos que Lugo teña o que se merece.

So unha palabra pode expresar o que sentimos os que formamos parte disto: GRAZAS


(@MarquinhosFT)

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información