Down Lugo será protagonista do vindeiro encontro do Breogán no Pazo

Compartir con

A área de Deportes e o club celeste dan visibilidade o labor desenvolvido pola entidade no marco do convenio de patrocinio asinado entre as dúas entidades

Down Lugo será a protagonista do vindeiro encontro do CB  Breogán no Pazo Provincial dos Deportes.  A asociación terá no encontro unha plataforma para proxectar un labor orientado fundamentalmente a promover a autonomía das persoas con síndrome de Down.

Creada en 1996 por iniciativa dun grupo de nais e pais,  a entidade, que conta con 14 profesionais e persoal voluntario, atende 76 familias de toda a provincia, na súa sede en Lugo e nas visitas que realiza semanalmente a Monforte, Guntín, Viveiro, Foz e San Cibrao.

A xerente de Down Lugo, Delfina Pérez, subliñou que “unha das prioridades da asociación é lograr que as persoas con síndrome de Down participen plenamente e en todas as etapas da súa vida nas actividades do seu entorno social”

A atención temperá, a inclusión educativa, a formación e o emprego ou o ocio son algúns dos ámbitos nos que desenvolven a súa actividade que, nos últimos anos,se ampliou cun programa de envellecemento activo.

“A poboación con síndrome de Down envelleceu moito. A esperanza de vida situase entre 60 e 65 anos. Isto levounos a desenvolver este programa co que contribuimos a que as persoas se fagan maiores mantendo as capacidades que foron adquirindo nas outras etapas evolutivas”, explicou Delfina Pérez.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, lembrou que “a Deputación Provincial é unha entidade moi sensiblizada coa inclusión social, con diferentes liñas de colaboración coas asociacións que traballan neste ámbito” e fixo fincapé na necesidade de seguir “contribuíndo a crear as condicións para que todas as persoas desfruten dos recursos da comunidade na que viven con igualdade de oportunidades”.

O director deportivo do CB Breogán, Tito Díaz, fixo un chamamento para que “os seareiros e os aboados ao club se animen a colaborar coa asociación”.

O encontro disputarase o sábado ás 20:00 horas no Pazo Provincial dos Deportes.

Down Lugo será protagonista do vindeiro encontro do Breogán no Pazo

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Máis información