Aboado ao Breo dende os inicios, a súa condición de invidente dende o nacemento non lle impide ser un dos seguidores máis fieis e coñecedores do que significa o breoganismo.
José Real, aos seus 74 anos, lembra á perfección o estilo de xogo de ducias de xogadores incluso da época do Municipal. Unha conversa con el serve para moito, entre outras cousas para decatarse de que a paixón e a vontade superan calquera barreira: «No Municipal era máis doado, polo son do balón e das zapatillas sobre o parqué, saber quén era o que levaboa o balón, cómo estaba o encontro, e mesmo facerse un ha composición mental da colocación e das xogadas. No Pazo hai máis xente, e gozo moito do ambiente».
Don José é un fixo na grada do Pazo, preto das peñas, acompañado case sempre polo seu xenro e os netos, preto das peñas, formando parte da Marea Celeste: « Estar na grada é gratificante porque sentes que podes axudar animando. Pásase peor cando o equipo xoga fora» afirma un home que percorreu toda a xeografía durante anos seguindo e animando ao Breogán.
Este sábado será o momento de devolverlle parte do cariño que sente polo club e por todo o que significa o Breogán. José Real será homenaxeado dentro dos actos do 50 aniversario celeste. Un home que inspira polo seu espírito de superación e que se identifica coa nosa historia. Con él, o club fai extensivo o agradecemento a tódalas peroas que viven o Breo superando calquera dificultade.
Este sábado durante o descanso do Cafés Candelas Breogán – TAU Castelló, será o momento de dar a grazas a Don José Real López, e de pedirse que siga, durante outros tantos anos, sendo «un dos nosos».