David Gil: con Lugo no corazón

Compartir con

Con Iker Urreizti celebrando o ascenso do 99 -- Foto: http://ikerurreizti.blogspot.com.es
Con Iker Urreizti celebrando o ascenso do 99 -- Foto: http://ikerurreizti.blogspot.com.es

O noso colaborador Alberte López falou cun dos grande heroes da historia celeste, que confesa ter ao Breo entre as súas mellores lembranzas

David Gil Andreu xogou no Breogán nas tempadas 1998-1999 e no ano 2005. No seu haber posúe seis ascensos, o primeiro con Breogán no ano 1998-1999. Repasamos con el moitas cuestións da súa traxectoria e sobre o actual Breogán, nunha conversa que se prolongou minutos despois de rematar a entrevista, xa que David recorda con moito cariño ao Breogán, a cidade de Lugo e aos amigos que fixo aquí.

1. Richi Guillén facíase chamar a condutor ACB, pero con ese palmarés de ascensos, David Gil tamén se merece ese título, non?

Pois si, a verdade que hai moi bos xogadores en temas de ascensos. Creo que agora mesmo son o segundo, despois de Jorge García que ten 8.

2. Segues vinculado dalgunha forma ao deporte ou xa non?

Pois non, agora mesmo son empresario, teño unha empresa dedicada ao turismo na Costa do Sol. O baloncesto é a miña paixón e vou sempre que podo a ver a Unicaja, e vexo moitos partidos por televisión, pero xa non o practico por falta de tempo

3. Como te definirías como xogador?

Era un xogador que sempre pensaba máis no equipo que en min mesmo. Sempre foi a miña filosofía, e a miña posición axudábame a ser así. Era máis feliz dando asistencias, porque así son felices dous xogadores, preferíao a anotar. Tiña boa man, pero caracterizábame o control do partido, ser a man dereita do adestrador dentro da pista e facer xogar aos meus compañeiros e que eles estivesen contentos no campo.

4. Non estás nos ránkings históricos do Breogán, pero es un xogador que fixo historia en Lugo. Ata os que nunca te viron xogar, saben quen é David Gil, o último heroe. Que lembras dese momento que che fixo pasar a ser historia celeste?

Comenteino recentemente en Cope Lugo: ese partido fíxome profesional. Eu saín de Málaga con 18 anos e a miña primeira experiencia fóra de casa foi Breogán. Ese ano foi importante, e eses tiros libres foron unha responsabilidade tremenda.

A xogada foi unha intencionada a Kenny Green, a quen á súa vez lle pitaron outra. O Pazo estaba cheo e Kenny eliminado pola falta. Paco mirou ao banco para ver quen os tiraba e eu ofrecinme a tirar, alguén tiña que facelo e vinme coa confianza. Na televisión véseme na cara o medo, pero tiña moita confianza, de verdade. Aquel día converteríame en heroe ou vilán, pero había que botarse pa diante!

5. Desde que deixaches de xogar, volviches pola cidade? Está nos teus plans?

Teño moitas ganas, foi un ano súper bo para min. Volvín a xogar alí uns meses en 2005 e foi xenial. Foi durante a lesión de Javi Rodríguez e cando se recuperou xa non houbo opción a quedar.

 

David Gil: con Lugo no corazón

6. Que lembras da túa estancia en Lugo?

Lugo tereino sempre na miña vida, no meu corazón. Foi moi importante para a miña carreira e para a miña vida. Fálase sempre do mal tempo, pero o ano do ascenso foi o ano máis seco en 20 anos, non chovía. Leveime a calor de Málaga para alí!.

Foi un ano moi bo, sorprendeume a calor da xente, era un neno e a xente coñecíame toda pola rúa. A familia breoganista é moi grande, hai unha masa social impresionante.

E os medios son moi importantes tamén. O equipo sobe este ano a ACB porque se ve que hai unha piña, así é como se conseguen as cousas, porque así é como superas os momentos nos que veñen mal dadas. Esa é a clave de Breogán.

7. E que momentos destacarías ao longo da túa carreira?

O ano do ascenso en Breogán foi moi bo, e volver a Breogán en 2005 moi especial, a entrada en pista no primeiro partido en ACB neses 2 meses foi moi bonito.

Todos os clubs teñen recordos bos, nos meus seis ascensos. Vivir o que se viviu en Lugo recentemente, imaxina… cada ascenso é especial e moi emotivo.

8. Por fin Breogán conseguiuno, despois de 12 tempadas tentándoo. Como viviches ti persoalmente este ascenso?

Seguino bastante porque Salva Arco e Ricardo Úriz xogaron comigo en Bruesa e son amigos. Sentín alegría porque Lugo necesita ACB e merécello. Vivino desde Málaga, alégrome moito polo club, pola afección, por Salva e Ricardo… por todo!

9. Coincidiches con algún xogador máis?

Á parte de Salva e Ricardo, cos que xoguei a miña última tempada en Bruesa, enfronteime algunha vez a Guille, pero non o coñezo moito.

10. Algunha anécdota confesable das túas etapas en Lugo?

Agora mesmo non me dou conta, pero teño que ter moitas, que eu estaba todo o día de broma!

 

UNHA ENTREVISTA DE ALBERTE LÓPEZ

David Gil: con Lugo no corazón

Youtube

En cumplimiento con la Ley 34/2002, de Servicios de la Sociedad de la Información, le recordamos que este sitio web utiliza cookies con el fin de mejorar nuestros servicios.

Rechazar Aceptar Más información