O Concello de Lugo organiza, coa colaboración da Fundación Breogán, un amigable no vello Municipal con causa benéfica


A alcaldesa de Lugo,Lara Méndez, o concelleiro de deportes, Mauricio Repetto e o director da Fundación Breogán, Salva Arco, deron a coñecer hoxe a iniciativa.
O concello de Lugo organiza, coa colaboración da Fundación Breogán, Fundación Breogán na celebración dun amigable benéfico entre o club lucense e o FC Porto no Pavillón Municipal dos Deportes, que terá lugar o xoves 8 de setembro, ás 20:00 horas.
Así o avanzou este venres a rexedora local, Lara Méndez, acompañada do edil de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, e o director da Fundación, Salva Arco. “Este encontro suporá o primeiro partido do Breo diante da afección celeste en Lugo nesta pretempada, unha magnífica oportunidade para coñecer ás novas caras do equipo, así como a nova equipación, ao tempo que contribuímos a unha causa nobre, pois parte do recadado destinarase a un fin benéfico, a través dunha entidade do programa social da Fundación, que será elixida polos seus membros”, explicou Lara Méndez. A rexedora apuntou, así mesmo, que “tamén suporá o regreso do Breogán ao Pavillón Municipal, e polo tanto un regreso as orixes do equipo lucense”.
Salva Arco, director da Fundación agradeceu a iniciativa do Concello e a oportunidade de que un encontro no Municipal, un lugar con grande significado para o breoganismo, sexa escenario dun partido cunha compoñente benéfica que axude ao proxecto social impulsado pola Fundación Breogán.
As entradas terán un prezo único de 5 euros e poranse á venda dende este mesmo venres, para os menores de cinco anos o acceso será gratuíto. Estarán dispoñibles por anticipado online e presencialmente desde horas antes do encontro en taquilla física.