O Breo súmase ao Camiño Xacobeo

Compartir con

O Breo súmase ao Camiño Xacobeo

A Xunta de Galicia e o CB Breogán promoverán a práctica do baloncesto ao aire libre en cinco concellos lugueses durante un mes

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral do CB Breogán, Tito Díaz participaron na presentación da iniciativa, patrocinada polo programa O Teu Xacobeo

As actividades, gratuítas para os usuarios, comezarán o vindeiro día 5 en Guntín e continuarán ata principios de outubro en Friol, Begonte, Palas de Rei e Baleira

Contarán coa presenza de xogadores do club, técnicos e da mascota Maximus, que tamén percorrerán treitos do Camiño de Santiago e divulgarán todas as accións a través de páxinas web e das redes sociais

A Xunta de Galicia e o CB Breogán promoverán a práctica do baloncesto ao aire libre en cinco municipios lugueses do Camiño de Santiago, con actividades gratuítas dirixidas especialmente aos máis novos e inclusivas, xa que estarán adaptadas ás capacidades físicas dos diferentes participantes.

Así o anunciaron hoxe durante a presentación da iniciativa na Delegación Territorial da Xunta o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral do club, Tito Díaz, que estiveron acompañados por representantes municipais dos concellos involucrados: Guntín -que acollerá o programa o 5 de setembro -; Friol – o 12 de setembro -; Begonte – 19 de setembro -; Palas de Rei -26 de setembro -; e Baleira – 3 de outubro -. Tamén acudiron os xogadores Erik e Sergi Quintela e a mascota Maximus.

O programa O Breo no Camiño, apoiado pola Administración autonómica a través de O teu Xacobeo, incluirá talleres de baloncesto de iniciación ou perfeccionamento en zonas abertas -prazas, xardíns, espazos naturais.. -, para o que instalarán canastras portátiles. A inscrición será de balde e precisa rexistro previo. O 20% das prazas estará reservado para persoas en risco de exclusión social, dependentes ou con escasos recursos.

Divulgación do Camiño

Xogadores e técnicos do Breogán, acompañados por Maximus, realizarán treitos do Camiño nas respectivas localidades nas que se desenvolvan as actividades e divulgarán todas as accións a través de páxinas web e das redes sociais. Farán fincapé no respecto polo medio ambiente, xa que limparán plásticos que atopen ao seu paso e animarán aos peregrinos a apostar por materiais sostibles. Convidarán a algúns dos percorridos a artistas de diversas disciplinas, como o cantante David Prado, compositor do himno oficial do club.

Javier Arias destacou “o vínculo entre os principios solidarios do Xacobeo e o deporte” e subliñou que nas dúas primeiras edicións de O Teu Xacobeo, a Xunta concedeu achegas por valor total de 1,1 millóns de euros para apoiar 96 proxectos na provincia de Lugo que tiveron repercusión en 40 municipios.

“Poucos como o Breogán poden representar tan ben os valores do Camiño”, afirmou Arias, quen engadiu que “o esforzo, a constancia, o sacrificio, a unión e a deportividade son só algúns dos conceptos que teñen en común”.

“Mais aló da promoción que poden facer o club e os xogadores procedentes de distintos países, creo que o Breogán ten ferramentas moi potentes, polo que significa no mundo do baloncesto, para divulgar o Camiño e as practicas saudables”, concluíu.
 

O Breo súmase ao Camiño Xacobeo
O Breo súmase ao Camiño Xacobeo
O Breo súmase ao Camiño Xacobeo
O Breo súmase ao Camiño Xacobeo
O Breo súmase ao Camiño Xacobeo

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Máis información