O Breogán portará a imaxe da provincia de Lugo e do seu compromiso co deporte

Compartir con

O Breogán portará a imaxe da provincia de Lugo e do seu compromiso co deporte

Presentado o acordo de patrocinio da Deputación Provincial de Lugo. 

A través da súa área de deportes, mediante o cal o club recibirá unha importante achega que asegura a sú viabilidade en contraprestación polo seu ambicioso proxecto en favor da imaxe de Lugo e a súa provincia e a importancia dos valores do deporte.

O presidente da institución provincial, Darío Campos, o deputado de deportes, Pablo Rivera, e o presidente do CB Breogán, Jesús Lázare, presentaron un acordo de patrocinio que aposta por un modelo novidoso en Galicia en canto ao deporte.

GALERÍA DE IMAXES

O presidente, Darío Campos Conde, informou este xoves sobre “unha boa noticia para o Breogán, unha boa noticia para os 2.600 socios do club celeste, e, en xeral, unha boa noticia para a provincia de Lugo”. Campos Conde adiantou que mañá o Executivo que preside aprobará en Xunta de Goberno a posta en marcha dunha iniciativa que “garantirá viabilidade do Breogán, contribuirá a dinamizar a economía da nosa provincia, levando o nome de Lugo e todas as súas potencialidades máis alá das nosas fronteiras; e fomentará a práctica deportiva como un importante elemento de integración social, de igualdade ou de hábito de vida saudable entre toda a cidadanía”.

“Quero poñer en valor o intenso traballo levado a cabo polo Goberno que presido durante os últimos dous meses, dende que asumimos o departamento de Deportes. E moi especialmente, quero destacar o traballo dos meus compañeiros Álvaro e Pablo, vicepresidente e Deputado de Deportes, por seren capaces de cumprir co obxectivo que nos marcamos: ofrecer dende a Deputación unha solución ao Breogán coa que ganasen todos e cada un dos veciños desta provincia. Con traballo e constante diálogo co equipo celeste, a quen tamén agradezo o seu esforzo e colaboración, conseguímolo”, subliñou.

Deste xeito, o Executivo da Deputación aprobará este venres na Xunta de Goberno os pregos dun contrato de patrocinio co Breogán por valor de 600.000 euros, que implica a promoción de todos os recursos da provincia, así como actuación socias co obxectivo de que esta iniciativa beneficie a todos os lucenses. “É un contrato do Breogán con todos os lucenses, pois compromete ao club celeste co conxunto da provincia”, apuntou. Así o avanzou o presidente nun encontro cos xogadores do Breogán e do seu presidente, Suso Lázaro, no que tamén participou o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón.

A de Lugo é a primeira Deputación en Galicia que aplica esta formula cunha sociedade anónima deportiva, que teñen en marcha outros organismos provinciais de España, como os de Álava, Cádiz, Valencia ou Castellón, entre outros. Gobernos de comunidades autónomas como País Vasco, Valencia, Andalucía ou Madrid, tamén teñen contratos de patrocinio con equipos deportivos. Non así a Xunta de Galicia, que, por exemplo, optou por un convenio de patrocinio por valor de 25.000 euros co Breogán, o equipo máis importante da LEB de Ouro, que non implica as importantes contra prestacións para a cidadanía, que si supón o contrato de patrocinio da Deputación de Lugo.

Contraprestacións para a provincia

As contraprestacións para a provincia pódense resumir “en dous grandes piares. 1º).- promoción da marca da provincia de Lugo e de todas as súas riquezas, dende os nosos recursos turísticos, culturais, naturais ou patrimoniais, aos nosos produtos autóctonos; por toda España e de xeito internacional; e 2º).- impulso na provincia da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto”, destacou o presidente.

A imaxe de Lugo provincia chegará a milleiros de persoas a nivel internacional

Algunhas das actuacións que se levarán a cabo para o desenvolvemento destes dous “grandes piares” son as seguintes: todo o material técnico, o equipamento ou mesmo o autobús no que viaxa o equipo celeste difundirán os recursos da provincia, pois estará rotulado con imaxes de emblemáticos espazos e recursos patrimonios, culturais, naturais…de Lugo; nos pavillóns nos que xogue o equipo celeste escoitaranse e visualizaranse as potencialidades da provincia a través de audios e vídeos promocionais; no streaming dos partidos do Breogán emitiranse spots promocionais da provincia; na web do club e nas súas redes sociais (Twitter, Instagram ou Facebook) tamén serán canles de promoción dos recursos de Lugo.

Hai que ter en conta que o Breogán xoga en Lleida, Cáceres, Logroño, Barcelona, A Coruña, Huesca, Pontevedra, Ourense, Illas Balears, Palencia, Guipúscoa, Araba, Burgos, Castellón e Oviedo. Polo tanto, a imaxe da provincia de Lugo, as súas potencialidades, chegarán, canto menos, a ditas ubicacións. A media de persoas que seguen os partido do Breogán a través de streaming é de 6.000 persoas, sendo o club da LEB Ouro máis seguido a través desta canle.

Tendo en conta que xoga 34 partidos, a previsión é que polo menos unhas 200.000 persoas redescubran Lugo a través destas emisión en directo. A súa páxina web conta con preto de 70.000 visitantes únicos durante a tempada; Facebook ten case 6.000 seguidores, Twitter máis de 8.600, Instagram uns 1.600. Ademais, a súa canle de Youtube supera amplamente as 181.000 reproducións. En todas estas redes se proxectará a imaxe de Lugo provincia. “O Breogán é unha grande plataforma para redescubrir a provincia de xeito nacional e internacional”, subliñou o presidente.

Compromiso social

Para o fomento de valores sociais a través do deporte, cederanse gratis 15.000 entradas aos partidos do Breogán a colexios públicos, asociacións sen ánimo e colectivos de persoas con capacidades diferentes da provincia; haberá visitas guiadas aos adestramentos do Breogán, que tamén se levarán a distintos lugares públicos do rural lugués; organizaranse actividades sociais como visitas dos xogadores aos colexios, centros de maiores, centros de saúde, hospitais, especialmente, ás unidades onde hai nenos…; haberá partidos con fins benéficos, nos que se recadarán fondos para colectivos sociais; así como encontros mixtos con xogadoras da provincia; celebraranse charlas sobre o deporte como elemento de inclusión social…O equipo participara de xeito activo en campañas contra a violencia de xénero, loita contra o cancro, días solidarios ou de conmemoración, etc.

Un camiño novo na busca de patrocinadores privados

O deputado de Deportes apuntou que este contrato e para a temporada 2016/2017. Haberá tres períodos de pago, un primeiro do 50% a mediados de decembro; un segundo do 20% no primeiro trimestre de 2017 e o último á finais de tempada, que será do 30%. Nestes 600.000 euros están incluídos os 180.000 euros que a Deputación aportou para ser contra avalista do Breogán ante a FEB e poder inscribir na LEB Ouro. Rivera Capón subliñou que esta iniciativa “contribúe a sanear e salvar unha situación moi complicada que se viña herdando dos últimos anos. Pero tamén supón un claro antes e un despois para o Club Baloncesto Breogán como Sociedade Anónima Deportiva. Dende o 22 de agosto, iniciamos un camiño no que o Breogán se repensou. As administracións públicas son importantes, e nós vamos a seguir estando aí, pero non con esta aportación económica, que, inevitable, ten que reducirse. O novo camiño que se emprendeu implica unha xestión orientada á busca de patrocinadores privados, á consecución de máis socios e, a partir de aí, fixar unha nova senda para o CB Breogán. As expectativas para este ano son boas. Temos que acadar un equilibrio entre a xestión deportiva e a xestión económica, nada doado nos tempos que corren, pero creo que con esta aportación da Deputación de Lugo se vai a conseguir. Este contrato de patrocinio vai máis aló do meramente publicitario. O Breogán vai a ter que prestar un servizo a todos os lucenses”.

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información