
O equipo ao completo coñeceu o proceso e elaboración do mellor café
Cando gozamos dun produto de calidade como é o caso de algo tan cotián como un café, poucas veces nos parámo a pensar no proceso que leva o produto desde a súa orixe en diversas partes do mundo ata que nolo serven. Todo ese proceso coñéceno desde hoxe os xogadores e técnicos do CB Breogán trala visita ás instalacións centrais de Cafés Candelas situadas en Lugo.
Dende os almacéns onde reciben e preparan sacos de gran que chegan desde orixes tan afastadas como Brasil, Colombia ou Etiopía, sempre cun estrito control de calidade, pasando polo proceso de torrefacción, moenda, envasado e distribución, o café chega a cada cunca tras un percorrido que mantén o coidado e agarimo dun produto elaborado por unha empresa familiar que cumpre 45 anos de experiencia no sector.



Trala visita a fábrica os membros do equipo saborearon o café elaborado polo barista responsable de formación de Cafés Candelas, José Manuel Portela, que mostrou aos visitantes a arte de servir o mellor café ao gusto de cada un dos asistentes.

Ademais, Cafés Candeas gardaba unha sorpresa para o equipo, unha máquina que permite “imprimir” sobre a propia crema do café a imaxe que o usuario remita. Cada xogador puido saborear un café personalizado coa súa imaxe.

O equipo foi recibido polos fundadores de Cafés Candelas, Ramón e Manuel Alonso, que recibiron unha camiseta asinada por todo o equipo co dorsal 45, en referencia ao aniversario da empresa. Todo o equipo saíu das instalacións cun espectacular lote de agasallo que incluía unha cafeteira por cada xogador e unha selección de produtos de Cafés Candelas.






