Os números apoian o inicio do Leite Río Breogán

Compartir con

O equipo celeste é o terceiro que máis puntos anota, o primeiro en asistencias, o segundo que menos balóns perde e o segundo máis valorado deste inicio ligueiro

O Leite Río marcha no grupo de cabeza con outros cinco equipos que só caeron nun dos seus partidos tras catro xornadas. Se atendemos aos números, o equipo de Diego Epifanio sobresae en aspectos como a anotación. É o terceiro equipo que máis puntos de media mete por partido con 81,5, só superado por Carramimbre Valladolid, o seu próximo rival (83,3) e Alacante (85) equipo ao que bateu no Pazo. De feito o Leite Río é o equipo que máis acerto presenta en tiros de dous puntos cun 60%, por encima do COB, outro dos galegos que tamén arrincaron con acerto. Os de García de Vitoria asinan un 54,2% en tiros de dous.

Desde a liña de tiros libres o equipo celeste móstrase fiable cun 78,4% de acerto, só superado por Huesca, Alacante e Palma. En canto á dirección, o conxunto lucense é o máis solidario se atendemos ás asistencias. Os pupilos de Epifanio reparten unha media de 16,8 asistencias por partido. O segundo é o Ourense con 16 de media.

O Leite Río Breogán é o segundo equipo que menos perdas de balón sofre con 9,3 por partido, moi preto do mellor neste aspecto, o Palencia, que perde 9 por encontro.

Nos aspectos menos destacados está o acerto desde a liña de tres puntos cunha porcentaxe de acerto do 32%, ou o rebote. Pero o equipo técnico confía en mellorar progresivamente estes campos coa entrada en xogo de Roope Ahonen, tirador destacado, cada vez mellor tras sufrir unha lesión e unha man, ou o regreso de Massine Fall tras as súas molestias de xeonllo, para achegar máis opcións no rebote.

Se atendemos aos números, o Leite Río pon sobre a mensa un xogo con anotación, solidariedade e poucas perdas que se traduce nun baloncesto atractivo e vistoso para o espectador, nunha liga en que terá que pelexar en cada segundo sobre o parqué para lograr os seus obxectivos.

No apartado individual, Christian Díaz está a ser o xogador máis destacado no inicio. O base canario é o máximo anotador do equipo con 12,5 puntos de media, seguido por Dago Peña (11,74 por partido).
Christian Díaz é o sexto mellor asistente da competición a estas alturas e entrega case 5 por encontro.

O pivote romanés Alex Olah é segundo na competición no apartado da intimidación, colocando dous tapóns por partido. O interior é o segundo máis valorado do Leite Río (13,75v.) tras Christian Díaz (14,25v.), e sexto da liga en canto a acerto preto do aro cun 75% de acerto en tiros de dous puntos.

En canto aos minutos desputados, Dago Peña é o que máis xoga de media con 26 minutos sobre o parqué. Ningún dos seus compañeiros pasa de 23 minutos de media, o que di moito da repartición e rotación deseñada polo coach Epifanio e os seus axudantes.

ESTATÍSTICAS DE EQUIPO E INDIVIDUAIS

Os números apoian o inicio do Leite Río Breogán

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Aceptar Máis información