A Consellería do Mar patrocina o Río Breogán - Dreamland Gran Canaria
A Consellería do Mar estará presente este domingo no Pazo dos Deportes de Lugo no encontro entre o Río Breogán e o Dreamland Gran Canaria, no marco da campaña GALICIA SABE AMAR, unha iniciativa que promove o valor do mar galego e dos seus produtos como símbolo de identidade e orgullo compartido. Así o anunciou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nun acto institucional celebrado este mércores na cidade amurallada.
No evento participaron tamén o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; a vicepresidenta do Parlamento de Galicia, Elena Candia; o director deportivo do club, Tito Díaz; os xogadores Dragan Apic e Arturs Kurucs; así como o director xeral do Río Breogán, Salva Arco.
Esta colaboración coincide co último partido da tempada regular e, segundo Villares, “reflicte o compromiso da Xunta con iniciativas que unen saúde, rendemento e economía de proximidade”. Un vínculo que se veu reforzando nos últimos meses, como simboliza a camiseta conmemorativa entregada á Consellería e que hoxe está exposta nas súas instalacións.
A piques de cumprir 60 anos de historia, o Río Breogán é moito máis ca un club deportivo: representa o espírito colectivo dunha provincia e dunha comunidade orgullosa das súas raíces.
Salva Arco sinalou que “esta non é só unha acción de patrocinio, senón unha alianza baseada en valores comúns como o respecto pola contorna, o traballo en equipo e o orgullo de ser galegos”. Ademais, agradeceu o apoio institucional ao longo da tempada e concluíu: “Este domingo, Galicia xogará connosco, porque o Breogán sabe a mar, a esforzo colectivo e a futuro”.
