A liga do Río Breogán, “xógase” en 173 países grazas aos acordos televisivos da ACB
O crecemento do Río Breogán transcende o deportivo. A nosa presenza na Liga Endesa ofrece aos nosos patrocinadores e aliados estratéxicos un escaparate publicitario de máximo nivel, combinando unha audiencia potencial global en constante expansión cun forte arraigo local.
A cancha con maior porcentaxe de ocupación da máxima categoría, o Pazo dos Deportes, é un escaparate de primeiro nivel, e a televisión multiplica esa dimensión levando a competición a todos os recunchos do planeta.
A Liga Endesa consolida a súa proxección internacional alcanzando máis de 173 países nos cinco continentes. Grazas a acordos de distribución con plataformas líderes como DAZN, DSports, Fox Sports, Star+, Arena Sport ou Kayo Sports, a imaxe do Río Breogán e das marcas que nos acompañan teñen o potencial de chegar a millóns de fogares en Europa, América, Asia, África e Oceanía.
Esta dimensión internacional converte o club nun vehículo diferencial de proxección global para Lugo, Galicia e as marcas comprometidas co proxecto deportivo e social breoganista.
A esta difusión global súmase unha sólida cobertura no noso contorno. O acordo da ACB coa Televisión de Galicia e a plataforma AGalega.gal garante a emisión en directo de 40 partidos de liga regular en aberto, incluídos os 6 derbis galegos. Esta proximidade reforza o impacto publicitario no noso mercado de orixe, tal como se comprobou durante a previa europea da Basketball Champions League (BCL), onde a afección puido seguir en aberto os tres partidos disputados polo equipo en Bulgaria.
Acompañar o Río Breogán significa conectar coa paixón do Pazo dos Deportes e, ao mesmo tempo, proxectar cada marca ante unha audiencia global en pleno crecemento.