A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renova o seu compromiso co Breogán

Compartir con

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renova o seu compromiso co Breogán

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renova o seu apoio ao CB Breogán cun contrato de patrocinio de 488.000 euros, unha cantidade que mantén á institución provincial como principal apoio institucional do club celeste.

Na liña dos últimos anos, o contrato de patrocinio implicará, ademais da presenza da imaxe institucional nas equipacións, a participación do club – con xogadores, persoal técnico e outros recursos – en actividades de promoción do deporte en centros escolares e clubs de base, así como en accións destinadas a difundir e visibilizar o traballo de asociacións do ámbito social, prestando o altofalante que ten o Breogán –pola súa repercusión deportiva e social– para apoiar a labor destes colectivos.

O acordo deuse a coñecer nun acto no que participaron o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, a presidenta do CB Breogán, Carmen Lence, o vicepresidente do club, Narciso Fernández, o director xeral, Salva Arco, o director deportivo, Tito Díaz, e os xogadores do primeiro equipo Danko Brankovic e Francis Alonso.

O vicepresidente da Deputación de Lugo reafirmou “o compromiso da área de Deportes co Breogán a través destes contratos de patrocinio, que sitúan á Deputación como o principal apoio institucional do club”. Nesa liña, explicou que “é unha contía moi importante para esta administración, pero que entendemos necesaria para que o CB Breogán poida competir con clubs de grandes cidades do Estado, cun tecido económico e social moi superior ao de Lugo”.

O responsable provincial valorou tamén “o traballo da familia breoganista e da directiva do club porque, ademais de fondos, fai falta facer as cousas ben. Hai proxectos con máis músculo económico do que ten o CB Breogán que non conseguen triunfar ou manterse en ACB. Que unha cidade de 100.000 habitantes teña un equipo en ACB é un pequeno milagre do que estarmos orgullosos”.

A presidenta do CB Breogán, Carmen Lence, agradeceu “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación, que un ano tras outro está co Breogán, así como o esforzo que se está realizando para mellorar as instalacións e os proxectos que virán, como o novo marcador”. E engadiu: “Cando nos achegamos ao noso 60 aniversario, contar con apoios como o da Deputación é clave para seguir competindo entre os mellores”.

Pola súa parte, o director xeral, Salva Arco, reiterou o agradecemento e subliñou “a importancia de traballar xuntos para que o Breogán siga sendo un referente do deporte en Lugo e en Galicia”.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renova o seu compromiso co Breogán
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo renova o seu compromiso co Breogán

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información