O Pazo dos Deportes de Lugo acolleu a presentación do patrocinio de ABANCA para o partido deste venres ante o Casademont Zaragoza, un duelo que servirá ademais como peche dunha tempada histórica para o club celeste coa vista posta xa na celebración do seu 60 aniversario. O acto contou coa participación de Salva Arco, director xeral do Río Breogán, e Zaira Dapena, directora territorial de ABANCA en Lugo.
Durante a presentación, Salva Arco agradeceu a fidelidade da entidade bancaria, destacando que "ABANCA é unha das nosas entidades de referencia e un dos nosos principais patrocinadores". O director xeral subliñou o excelente momento que vive a institución lucense:
"Ambas as dúas entidades fomos medrando da man ata estarmos as dúas nunha posición privilexiada. O Breogán está nun dos mellores momentos da historia a nivel social, económico e deportivo, e iso en parte é grazas a entidades como a vosa que decidiron apoiar o baloncesto profesional e de base."
Pola súa banda, Zaira Dapena reafirmou o orgullo que supón para la entidade financeira manter un respaldo estable que se prolonga desde hai anos. "Este partido reforza o noso compromiso co club e co deporte galego", explicou a directora territorial, quen ademais encomiou o arraigo da entidade celeste na provincia:
"O Breogán representa moito máis ca unhas cores ou un nome; representa a moitos dos que somos de Lugo e tamén fóra, para todos os galegos. É un símbolo de identidade e de pertenza para toda unha cidade."
Grazas a este patrocinio, o encontro deste venres contará con activacións especiais para os afeccionados, incluíndo premios e dinámicas exclusivas a través da app oficial do Río Breogán.