AGalega aposta polo baloncesto e emitirá partidos ACB e a participación do Río Breogán en BCL
O Río Breogán – Joventut da primeira xornada verase na canle autonómica
A televisión pública asina un acordo por dúas tempadas coa ACB para retransmitir 40 partidos en directo, incluídos os seis derbis galegos.
A cadea autonómica e a plataforma AGalega.gal tamén ofrecerán os encontros do Río Breogán na fase previa da Basketball Champions League desde Bulgaria.
A Televisión de Galicia reforza o seu compromiso co deporte e aposta de cheo polo baloncesto galego. A través dun dobre acordo estratéxico coa Liga ACB e a FIBA, a canle pública e a plataforma dixital AGalega.gal converteranse no punto de encontro de referencia para a afección, garantindo a cobertura dos equipos galegos na competición doméstica e máis do percorrido europeo do Río Breogán.
Cita fixa todos os domingos ás 12:00 h na ACB
A alianza coa ACB, vixente para as vindeiras dúas tempadas, garantirá a emisión en directo dun partido por xornada con representación galega. A cita regular será cada domingo ás 12:00 horas a través da primeira canle da TVG e de AGalega.gal.
En total, emitiranse 40 encontros da liga regular, abranguendo os seis derbis galegos da categoría. Ademais, a cobertura estenderase ás eliminatorias do play-off no caso de que algún dos conxuntos galegos acadase os cuartos de final polo título. A programación botará a andar o vindeiro domingo 27 de setembro ás 12:00 horas desde o Pazo dos Deportes de Lugo, coa retransmisión do choque entre o Breogán e o Joventut.
O Breogán, protagonista no seu salto a Europa
Xunto ao despregamento na Liga ACB, a TVG pechou un acordo coa FIBA para ofrecer a fase previa da Basketball Champions League. A afección poderá seguir en directo o camiño europeo do Breogán de Lugo nesta esixente fase de eliminatorias que se disputará en Bulgaria.
Con esta aposta integral, os medios públicos galegos garanten o acceso libre e aberto ao mellor baloncesto de elite, consolidando o seu apoio aos clubs da comunidade tanto no ámbito estatal como na súa proxección internacional.