O internacional dominicano foi presentado oficialmente tras a súa primeira sesión de traballo cos seus novos compañeiros
García estivo acompañado polo director deportivo do club, Tito Díaz, e polo xerente de Grupo Ditram —ao que pertence Nissan Fergil Auto—, Rubén Gil.
Tito Díaz deu a benvida ao xogador desexándolle todo o mellor no club e amosou a súa satisfacción por ter solucionado todos os trámites burocráticos que impediron a súa chegada antes a Lugo. Así mesmo, o director deportivo aproveitou a comparecencia para facer balance da pretempada.
Pola súa banda, Andersson García agradeceu ao club o seu interese e todas as xestións realizadas para facer realidade a súa incorporación. O ala-pívot prometeu traballo e achegar toda a súa enerxía en prol do equipo, ademais de comprometerse a empaparse da que definiu como unha "gran cultura de club", que caracteriza ao Breogán.