As bágoas de Areñas e o abrazo do Pazo

Compartir con

As bágoas de Areñas e o abrazo do Pazo

José Areñas volveu ao Fogar do Breogán

Foi a voz do Pazo durante 18 anos, e non unha voz calquera. Unha reconocible, impoñente, áxil, imaxinativa e das que fan época.

Durante anos ruxiu, presentou aos equipos, cantou cada canastra, fixo vibrar ao Pazo en cada tripla, atreveuse a dar nome a xogadores e a dirixir o estado de ánimo da bancada con aquel eterno “defensa Pazooo” ou o “en pé, en pé” que levantaba dos seus asentos a 5000 almas unidas nunha causa chea de orgullo para apoiar o equipo de celeste. Unha enerxía que atravesaba a atmosfera do Pazo e coábase no cerebro e no músculo de cada xogador: nos locais era un xute de enerxía, e nos visitantes, unha pedra no seu ánimo. Sabían uns que cada ataque ou defensa contaba cun auténtico exército detrás, e os outros vían como o rival parecía multiplicar o seu talento e enerxía.

Así é José Areñas, o que recibiu o abrazo do Pazo, durane o Breo - Unicaja, de decenas de persoas fisicamente e de todos de xeito unánime nun dos grandes aplausos recibidos por alguén no centro da pista. Recibiu o cariño merecido neste 60 aniversario no que homenaxeamos a aqueles que nos axudaron a ser o que somos. Areñas é un deles.

As súas frases ao micrófono pasaron a ser parte da letra do noso himno, algo que así recoñece o seu creador, David Prado. E esas frases tamén seguen sendo parte do repertorio do actual speaker, Jacobo Gómez.

Areñas segue sendo un dos nosos, e así o mostrou con toda a súa emoción desde que recibiu a noticia da súa homenaxe. Pasou nervios, moitos, polo seu regreso tantos anos despois. Era inevitable, pero comprobou o que desde o club lle dixemos: “é a túa familia”.

Poucas homenaxes teñen un apoio tan unánime dos de casa e tanto recoñecemento dos de fóra. As bágoas de emoción de Areñas contaxiáronse a máis dun na bancada. Foi o abrazo do Pazo.

O eco da voz de José Areñas seguirá poñéndonos sempre “en pé”.

As bágoas de Areñas e o abrazo do Pazo
As bágoas de Areñas e o abrazo do Pazo

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información