O fisioterapeuta Dositeo Pena incorpórase ao club e substitúe a Juan Gutierrez
Dositeo Pena Gómez (Lugo 1968) é o novo fisioterapeuta do Leite Río Breogán. Titulado en fisioterapia e especialista en fisioterapia deportiva e osteópata, Pena conta cunha ampla bagaxe no coidado de deportistas de alto nivel.
No seu currículo figura o paso por clubs como O Rosalía de Santiago en LEB, Pío XII de Liga Feminina 2, Santiago Futsal, ou o seu traballo durante moitos anos con atletas de elite coa Federación Española de Atletismo, estando recentemente en Minsk (Bielorrusia) co combinado Europeo nun encontro denominado «The Match» no que unha selección de atletas europeos enfrontáronse a un combinado estadounidense.
O club conta desde hoxe coa experiencia e coñecemento de Dosi Pena, un novo membro do equipo ao que damos a benvida.
Pena, que contará coa colaboración do fisioterapeuta Pablo Duarte, substitúe a Juan Gutiérrez que comeza unha nova etapa profesional fora de Lugo e ao que lle desexamos o mellor tanto a nivel persoal como profesional.