Breogán e Vicepresidencia da Deputación poñen en valor o Proxecto Ariadna, unha aplicación que localiza os espazos cardioprotexidos
O Pazo quere ser referente na resposta ante emerxencias cardíacas
O Club Baloncesto Breogán e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo dedicarán o partido Río Breogán–Real Madrid a dar a coñecer o Proxecto Ariadna, unha aplicación que permite localizar desfibriladores e activar axuda cidadá ante unha emerxencia cardíaca, co obxectivo de converter o Pazo Provincial dos Deportes nun recinto pioneiro na resposta ante paradas cardiorrespiratorias.
Na presentación participaron o director xeral do CB Breogán, Salva Arco; o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro; e o doutor Carlos Juanatey, xefe do Servizo de Cardioloxía da área sanitaria de Lugo. Juanatey subliñou a necesidade de que os grandes espazos deportivos —onde se concentran milleiros de persoas— estean preparados non só con medios técnicos axeitados, senón tamén cunha rede humana formada e concienciada. A súa mensaxe foi clara: ante unha parada cardíaca, cada minuto conta.
A partir desta reflexión, o CB Breogán aspira a que o Pazo sexa un exemplo para outros recintos deportivos e, ao mesmo tempo, un punto de partida para implicar o maior número posible de afeccionados no Proxecto Ariadna, unha ferramenta que salva vidas ao permitir localizar desfibriladores externos automáticos (DEA) e mobilizar persoas con formación en reanimación cardiopulmonar (RCP).
O obxectivo é dobre. Por unha banda, fomentar que os usuarios descarguen a aplicación no seu teléfono móbil e participen como rastrexadores, informando e validando a localización e o estado dos desfibriladores existentes. Pola outra, animar aquelas persoas con formación específica a rexistrarse como colaboradoras, de xeito que poidan intervir en caso de urxencia ao recibir un aviso da aplicación, que localiza tanto o voluntario con coñecementos en RCP como o DEA máis próximo ao lugar da parada cardiorrespiratoria.
A iniciativa reforza a idea de que a prevención e a rapidez de actuación son determinantes para salvar vidas. Converter o Pazo nun espazo non só cardioprotexido, senón tamén respaldado por unha comunidade activa e formada, é o reto que formula o Breogán co aval da cardioloxía lucense e o apoio institucional da Vicepresidencia da Deputación.
Na actualidade, o Pazo Provincial dos Deportes conta con tres desfibriladores automáticos: un instalado pola Excma. Deputación Provincial de Lugo e dous do Club Baloncesto Breogán SAD, activados pola empresa lucense Salutrans.
Con este compromiso, o CB Breogán reforza a súa vocación como axente social, utilizando a visibilidade do baloncesto para concienciar, formar e protexer. Porque máis alá do marcador hai partidos que se xogan en silencio e se gañan con preparación, coordinación e solidariedade.
E aí, unha vez máis, a marea celeste quere estar á altura.