Cántigas e Frores interpretará pezas vencelladas á historia e ao patrimonio cultural do CB Breogán
A asociación Cántigas e Frores levará a cabo un proxecto musical no que interpretará cancións relacionadas coa historia e co patrimonio cultural xerado arredor do CB Breogán ao longo dos seus case sesenta anos de historia. A formación lucense traballará nos vindeiros meses nesta proposta, co obxectivo de estreala durante a semana do Día das Letras Galegas, poñendo en valor a conexión entre o baloncesto, a cultura e a identidade galega.
A iniciativa presentouse no Pazo de San Marcos, nun acto enmarcado no acordo de patrocinio entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o club breoganista, que colaboran en diferentes accións de promoción do deporte, da convivencia, da inclusión e da cultura e do patrimonio na provincia.
O vicepresidente Efrén Castro destacou que desde a área de Cultura da Deputación se traballa de maneira moi activa a prol da música tradicional galega, e que resulta especialmente ilusionante apoiar este tipo de iniciativas tamén desde o ámbito deportivo. Subliñou que o deporte “fainos sentir orgullosos do noso”, reivindicando ao Breogán e á música tradicional, xunto coa lingua, como elementos que vertebran culturalmente o país.
Na mesma liña, puxo en valor o papel fundamental das asociacións de música tradicional no panorama musical galego actual, lembrando que moitos artistas e bandas de éxito aprenderon e beberon destas raíces para renovar e proxectar a música galega dentro e fóra de Galicia.
Cántigas e Frores, creada en 1948 e recoñecida como unha entidade de referencia na conservación, investigación e difusión da música, do baile e do traxe tradicional galego, recibirá un recoñecemento institucional no Pazo durante o partido entre o CB Breogán e o UCAM Murcia.