Clínica Dental García Rielo e o CB Breogán cumpren oito tempadas de alianza
O Club Baloncesto Breogán e a Clínica Dental García Rielo oficializaron a continuidade do seu acordo de patrocinio. Con esta sinatura, a firma lucense cumpre a súa oitava tempada consecutiva colaborando activamente coa entidade celeste e coidando da saúde bucodental do elenco na Liga Endesa.
Na rolda de prensa de presentación, o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, quixo destacar o compromiso incondicional e a proximidade da clínica lucense:
«Soamente me veñen á mente palabras de agradecemento, tanto a nivel persoal como de club, por estar sempre aí. Cada ano que pasa ides crecendo dentro do grupo de patrocinadores que temos e sodes cada vez máis importantes. Quen fai posíbel que esteamos na ACB e que posamos gozar dun dos mellores momentos deportivos e sociais do club son empresas como Clínica Dental García Rielo e as persoas que están detrás delas», sinalou Salva Arco.
O director xeral do club remarcou alén diso a disposición constante da equipa que dirixe Manuel García Rielo ante calquera imprevisto do plantel, poñendo en valor a atención humana e personalizada que brindan en todo momento.
Pola súa parte, Manuel García Rielo, propietario da clínica, expresou o orgullo que supón para o seu equipo seguir vinculados ao proxecto breoganista:
«Para nós, o Breogán non é só un club, é a identidade de Lugo. Os lucenses sentímonos plenamente identificados co Breogán e, para unha clínica pequena como a nosa, é un orgullo ser parte da súa historia. Asumimos con moita responsabilidade o coidado da saúde bucodental de xogadores profesionais da ACB, un factor clave para o seu rendemento deportivo e para previr lesións», afirmou García Rielo.
Con esta renovación, o CB Breogán e a Clínica Dental García Rielo consolidan unha relación baseada na confianza mutua, o compromiso local e o traballo en equipa, garantindo o mellor coidado para os nosos xogadores unha tempada máis.