A foto de Carlos Castro, «Os homes de Sani», de desexo a realidade
Durante o partido da xornada 32 da Liga Endesa entre o Río Breogán e o Girona, o fotógrafo Carlos Castro captaba coa súa cámara un momento que amosaba a cinco xogadores do Río Breogán sobre a pista. Un quinteto formado por Aranitovic, Andric, Francis Alonso, Mavra e Brankovic; xogadores que defenderon a camiseta celeste con éxito e que se converteran en ídolos da afección, sen esquecer os que non saían nesa instantánea.
En cada un dos últimos partidos de liga, tras cada cambio, a bancada do Pazo cantaba ao unísono: “Sani quédate, Mavra quédate, Francis quédate…”. Cantábanllo a todos e cada un dos fotografados. Era un desexo practicamente compartido polo cen por cen dos afeccionados, e tamén polo club.
A dirección deportiva do Río Breogán, encabezada por Tito Díaz, estaba a traballar intensamente para cumprir ese desexo. Empezou Aranitovic, seguiulle Andric, despois Alonso, Mavra e, dos protagonistas da foto, só faltaba o xigante Brankovic. Anunciouse. Cumpriuse un desexo.
Unha xestión que, dada a gran tempada dos xogadores e do equipo, entrañaba unha dificultade maiúscula. Os xogadores fixeran ben o seu traballo e captaran a atención de clubs con moito maior poderío económico. Revalorizáranse. As ofertas existían.
Pero o Breogán ofrece cousas que ás veces suman moito nas poxas: estabilidade, compromiso, un contorno adecuado para o traballo diario, obxectivos atractivos e seriedade; todo iso nun ambiente familiar que facilita as cousas. A experiencia de Luis Casimiro e de todo o corpo técnico —onde prima a boa comunicación—, o respaldo da dirección deportiva, do consello de administración, o apoio de todo o persoal de oficinas… e algo fundamental: a mellor afección.
Todo suma a súa parte e todo se mostra como un valor difícil de igualar, porque, como dixo Luis Casimiro: "O que ten o Breogán non se compra con diñeiro". Este argumento repetíao o adestrador do Casademont Zaragoza, Gonzalo García de Vitoria, na rolda de prensa posterior ao último partido cando lle preguntaban sobre o ambiente do Pazo: "O que ten o Breogán, tensese ou non se ten".
Tras renovar os homes da foto, os que forman parte desa instantánea histórica, a dirección deportiva segue traballando para dar continuidade a máis xogadores. A misión é difícil. No Breogán case ningunha é sinxela, pero ás veces, con traballo e compromiso, os desexos, ás veces, cúmprense.