O Río Breogán presenta a nova campaña de abonados cunha continuidade na tradicional filosofía de prezos populares e pensados para familias, estudantes, maiores…. e con algunhas novidades importantes que inclúe unha demanda dos afeccionados que se atopan na diáspora: O abono de «Apaixonado do Breo».
O Río Breogán avanza cara os seus 60 anos de historia cuxo percorrido a través do tempo ten unha razón fundamental: a súa afección, sempre fiel.
Para o novo curso, o club abre a súa campaña de abonos co obxectivo de que o Pazo, o Fogar do Breogán, sexa de novo cita para un sentimento único. O lema: «Aquí seguimos en pé» é un verso do himno celeste e simboliza a capacidade de superación das dificultades dun club afeito a competir entre os grandes e seguir historicamente adiante ante os obstáculos, e sempre da man da súa afección.
NOVIDADE: OPCIÓN DE RESERVA:
Esta tempada inclúe a opción. Para os abonados da pasada tempada, de reservar os abonos adiantando un importe de 20€, e dentro dun prazo que comprende entre o 1 de xullo e o 4 de agosto, tendo un prazo para completar o pago dos abonos ata o 8 de setembro.
NOVIDADE: ABONO «APAIXONADO DO BREO»
Pensado para aquelas persoas que polas circunstancias non poidan asistir regularmente aos partidos do Breo no Pazo por diversos motivos, entre os que se atopan afeccionados que viven fora de Lugo, o abono «Apaixonado celeste» ten u prezo único de 100€ e da dereito a recibir no domicilio un carné físico coa bufanda paixón celeste, un partido gratuíto (que non inclúen os partidos «pemium» ante Real Madrid, FC Barcelona e Leyma Coruña). Tamén terán preferencia na adquisición da súa entrada, máis un 50% de desconto, na súa entrada, no resto dos partidos da tempada no Pazo.
PRAZOS:
--RENOVACIÓN E RESERVA: DO 1 DE XULLO AO 4 DE AGOSTO:
Os abonados da pasada tempada terán preferencia sobre a súa localidade ata o 4 de agosto, sendo posible tamén efectuar cambios para ocupar as localidades libres na grada do Pazo.
Dentro deste prazo aceptaranse novas altas exclusivamente para a Grada de Animación, que se farán só de xeito presencial nas oficinas do club.
Tamén se poderán dar de alta abonados que se incorporen ao núcleo familiar, sempre que se atopen dentro dos susceptibles de recibir descontos (Fillos de abonados en categoría infantil ou estudante, matrimonio ou parella de feito acreditada), que se farán só de xeito presencial nas oficinas do club.
--CAMBIOS DE LOCALIDADE
ENTRE O 6 E O 11 DE AGOSTO
Os abonados que completaran a súa renovación de abono para a nova tempada terán un prazo preferente para efectuar cambios de localidade sobre os asentos libres ou liberados.
NOVAS ALTAS: DESDE O 13 DE AGOSTO: As localidades que non foran ocupadas (renovadas ou ben reservadas) quedarán liberadas par a venda xeral desde o día 13 de agosto para a chegada de novos abonados para a campaña 2024/2025.
FIN DAS RESERVAS: O 8 DE SETEMBRO É A DATA LÍMITE PARA COMPLETAR O PAGO DOS ABONOS QUE FORAN RESERVADOS. O DÍA 110 DE SETEMBRO SAIRÁN Á VENDA XERAL TODAS AS LOCALIDADES RESTANTES (Aquelas cuxa reserva dos 20€ non fora completada co pago total do abono).
LIBERACIÓN DE ASENTOS PARA OS PARTIDOS: Os abonados que non poidan asistir aos partidos terán a opción de liberar os seus asentos para que o club os poña á venda en taquilla. En caso de que a localidade sexa vendida, recibirán o 25% do importe polo que se vendera a súa localidade nun moedeiro virtual o que lles permitirá acumular un saldo a favor que poderán utilizar en compra de merchandising de tempada 24/25 ata o 30 de xuño de 2025.
PREZOS E DESCONTOS:
Tras varias tempadas cos prezos conxelados, efectúase unha suba do 5% sobre os prezos da pasada campaña. Non haberá días do club, polo que o abono incluirá tódolos partidos de liga regular que dispute o Río Breogán como local.
Como é tradición, haberá descontos para familias (16% para parellas (matrimonio ou parella de feito acreditada con libro de familia ou documento oficial equivalente), fillos de abonados (7%) en categorías infantil ou estudante (Xustificado con libro de familia), e desempregados en categoría sénior (12%). Os descontos non son acumulables.
CATEGORÍAS: Manteranse as tradicionais categorías por franxas de idade:
BabyBreo: para menores de 5 anos. Non obrigatorio. (Abono opcional e terá un prezo de 10€ para inclusión do abonado na base de datos celeste. No ten dereito a asento. Os menoresd e 5 anos que precisen asento deberán darse de alta co carné infantil).
Infantil: Entre 5 e 17 anos
Estudante: Entre 18 e 24 anos.
Sénior: Entre 25 e 64 anos.
Veterán: Desde os 65 anos cumpridos.