Na xornada 32 da liga Endesa 2025/2026, o Río Breogán sumaba 15 vitorias, un 47% de éxito nunha liga na que se enfronta a equipos como o Real Madrid, FC Barcelona, Valencia Basket, Lenovo Tenerife, Unicaja Málaga ou Baskonia... Catro deles son equipos de Euroliga e dous deles están na F4 en busca do trono europeo.
Nesa mesma xornada 32, o Río Breogán mantense como o cuarto equipo máis anotador da liga con 91,6 puntos de media por encontro, só unhas décimas por detrás, precisamente, de tres transatlánticos da Euroliga (Madrid, Valencia e Baskonia). É o cuarto equipo con mellor porcentaxe en tiros de tres puntos, con Andrić como o segundo mellor triplista da competición grazas a un 50,3% de acerto.
O Breo é tamén o quinto equipo en efectividade desde o tiro libre, destacando Cook no top 2 cun espectacular 93,62% de acerto. Ademais, os celestes son terceiros na clasificación de rebote ofensivo, con 12,2 capturas de media baixo o aro rival, e cuartos en asistencias con 18,2, contando con dous bases que se sitúan como a mellor parella da liga neste rexistro: Mavra (5,28) e Russell (5,21). Todo isto adórnano os case dous mates por partido de Branković, quen se sitúa no Top 5 da liga nunha faceta que levanta á afección dos seus asentos en cada acción, moitas veces derivada dunha gran asistencia dos seus compañeiros.
Ademais, o equipo lucense é o cuarto que máis balóns recupera, con máis de 8 por partido. E a todo isto que marcan as estatísticas, habería que sumar os famosos intanxibles que fan que xogadores que quizá non encabezan esas clasificacións, si se gañasen o respecto e admiración da liga coa súa capacidade de achegar ao equipo en facetas menos rechamantes como o esforzo, o xogo sen balón, a capacidade de frear ao rival, o ritmo de partido, a intelixencia táctica... o sentido de EQUIPO.
Un Pazo entregado e un club en crecemento
A esta lista de brillantes datos súmase outro espectacular: o Breo enche o Pazo cada vez que xoga en casa. Roza os 5.310 espectadores de media e, nunha cidade de apenas 100.000 habitantes, unha regra de tres simple permítenos ver que algo máis do 5% da poboación enche o pavillón. Cabe valorar, ademais, que hai unha porcentaxe interesante de afeccionados que se desprazan desde diversos puntos de Galicia e de fóra dela.
Estes datos, preto de cumprir os 60 anos de vida e tras unha historia de alegrías e decepcións, sumados á excelente saúde económica do club e o seu crecemento social —apoiado en proxectos de primeiro nivel como a Fundación Breogán, a Basket Academy ou o Club de Empresas— afianzan o carácter do Breogán como patrimonio lucense e galego. Un club con toda a disposición de seguir sendo un referente entre os modestos que traballan para medraar, e que se gañou o recoñecemento duns xigantes aos que, como diciamos nun artigo anterior, gústanos dar traballo.
A falta dun par de xornadas nas que se buscará seguir gañando, sabendo que o curso próximo o Río Breogán estará entre os 18 elixidos da elite do baloncesto, cabe dar grazas a todos os que o fixeron posible. Desde xogadores e técnicos, a compañeiros de oficinas, colaboradores, patrocinadores... todo isto é froito dun gran traballo en equipo. Poida que haxa unha pequena porcentaxe de sorte, sempre necesaria, pero a base é o traballo. Gocemos deste patrimonio.
#ForzaBreo #FagamosEquipo