Francis Alonso, tras ser o MVP da Xornada 3: «Temos que manter os pés no chan e seguir con fame»

Compartir con

As instalacións da Clínica Dental García Rielo acolleron a rolda de prensa de Francis Alonso tras a súa gran actuación e posterior designación como MVP da Xornada 3 na Liga Endesa. 

O escolta firmou unha exhibición memorable no triunfo do Leche Río Breogán fronte ao FIATC Girona, ao acadar os 27 puntos e 30 de valoración. A pesar do brillante momento individual e do impecable arranque ligueiro do conxunto celeste (3-0), o xogador malagueño optou por abandear un discurso de máxima prudencia e traballo colectivo.

Consciente da euforia desatada en Lugo, Alonso quixo rebaxar o impacto do ruído externo e focalizar o mérito no vestiario. «O primeiro é dar crédito ao equipo e aos meus compañeiros. Agora escoitaremos moito ruído, pero temos que seguir poñendo a mesma intensidade, a mesma mentalidade e manter a cabeza fría», advertiu o xogador ante os medios.

Neste sensacional inicio de curso xogou un papel clave a continuidade do proxecto. O tirador breoganista enxalzou a solidez do bloque e a facilidade coa que se asimilou a proposta táctica respecto da pasada campaña: «Foi máis fácil a adaptación. Os que xa coñecíamos o sistema de Luis Casimiro intentamos facilitar as cousas aos novos dentro e fóra da pista para coidar a química do grupo».

A súa sintonía co contorno e a bancada do Pazo foi outro dos puntos meulares da comparecencia. Cuestionado sobre a súa decisión de renovar o pasado verán, a estrela celeste non ocultou a súa satisfacción por permanecer na capital lucense: «Foi fácil devolver a confianza ao club. Sentínme moi valorado e desfruto moito xogando aquí. O ambiente do Pazo é algo especial e hai que coidalo».

O sobresaliente rendemento do equipo situou o Breogán en disposición de superar rexistros históricos, un reto que o malagueño afronta con naturalidade e esixencia. «Os récords están para batelos. Hai que ter máis fame, manter a humildade e intentar seguir superando marcas», aseverou con ambición.

Finalmente, ao ser preguntado pola ilusión que desperta o liderado invicto ou a opción de ser reclutado para as próximas fiestras FIBA, Francis Alonso prefireu non desviar o foco do traballo cotián. «Non podemos vivir do pasado nin do futuro; o obxectivo é o adestramento a adestramento e o partido deste fin de semana en Andorra», sentenciou.

Alonso con Manuel García Rielo, responsable da clínica García Rielo
Alonso con Manuel García Rielo, responsable da clínica García Rielo

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información