Azul e branco na edición especial da camiseta coa que o Río Breogán salta á cancha para disputar as semifinais da Copa Galicia
Trátase dunha sincera homenaxe á bandeira galega, a fonte de inspiración da que o noso club tomou as súas cores desde as súas orixes. Vestir esta camiseta nunha nova edición do torneo é unha mostra de profundo orgullo pola nosa terra, así como a honra que supón representar a unha entidade que conquistou este histórico título oficial en 16 ocasións.
Esta camiseta representa tamén un recoñecemento explícito á madurez do baloncesto galego, que afronta unha tempada histórica contando con máis equipos que nunca na elite, tanto na categoría masculina como na feminina.
Por todo iso, é tamén unha homenaxe aos nosos rivais. Queremos gañarlles en cada enfrontamento deportivo, pero desde o Breogán recoñecémoslles plenamente o mérito de estar no máis alto, sabendo por experiencia propia o enorme traballo e esforzo que require alcanzar esa posición.
Por encima de calquera rivalidade sobre o parqué, prevalece o sentimento de pertenza. Únenos o orgullo de situar a Galicia entre os grandes referentes do baloncesto durante décadas, xunto coa responsabilidade de seguir traballando día a día para levar este sentimento o máis lonxe posible.
Galicia no sangue e na pel.
Adiante!