
O interior de 2,08 e 28 anos incorpórase ao equipo celeste
Iván Cruz Uceda volverá vestir a camiseta celeste que xa defendeu na tempada 2016/17
A afección do Leche Río Breogán volverá gozar de Iván Cruz no Pazo dos Deportes, un xogador que deixou un gran recordo da campaña 16/17 no que foi o seu debut como profesional e na que o equipo celeste loitou polo ascenso co xogador madrileño, recentemente aterrado daquela tras o seu destacado paso pola NCAA, como peza importante, cunha media de 10 puntos e 6,7 rebotes en 20 minutos.
Iván Cruz formouse nas categorías inferiores do Estudantes de Madrid, as que precederon ao seu paso polo baloncesto universitario americano, onde xogou con Harcum College (NJCAA) e Miami Hurricanes (NCAA).
Tras o seu primeiro paso por Lugo deu o salto a Liga Endesa da man do Betis onde permaneceu unha tempada achegando 3 puntos e 2 rebotes de media. No seu último equipo, Bilbao Basket, disputou as dúas ultimas tempadas, sendo un xogador importante no ascenso na súa primeira campaña cos “hombres de negro” (8,7 puntos e 5,4 rebotes). Na pasada tempada en Liga Endesa achegou 3,1 puntos 1,6 rebotes en 10 minutos sobre a cancha.
Iván Cruz é un pivote completo, de gran envergadura física, con bo tiro exterior e con gran capacidade para correr o campo, rebotear, intimidar e anotar.

Volve a Lugo un xogador que deixou un bo recordo na súa primeira etapa ata o punto de que un grupo de mozos afeccionados decidiron crear a “Peña Iván Cruz” e que terán agora a oportunidade de reactivala ante o regreso do pivote.
