Jordan Walker preséntase no Río Breogán con gana de coñecer a atmosfera do Pazo
O Río Breogán presentou oficialmente ao seu novo reforzo, Jordan Walker. O base estadounidense chega co obxectivo de ser determinante no tramo final da tempada, atraído polo prestixio da Liga ACB e a identidade do club lucense.
O director deportivo, Tito Díaz, deu a benvida oficial ao xogador, do que destacou a súa polivalencia, as súas excelentes referencias e o gran rendemento amosado nos seus equipos anteriores. Así mesmo, subliñou a súa boa predisposición para pechar rápido o acordo e incorporarse de inmediato á disciplina do equipo.
Ambición e polivalencia
Walker definiu a súa fichaxe como "a mellor oportunidade" para a súa carreira. "Sinto que podo xogar ao máis alto nivel e o Breogán é o lugar ideal para demostralo", afirmou. Sobre o seu papel na pista, amosouse totalmente flexible baixo as ordes de Luis Casimiro: "Estou para o que o equipo necesite, xa sexa en defensa, ataque ou dirección. Sinto me cómodo tanto de base como de escolta".
Adaptación rápida
O xogador destacou que a súa experiencia previa en España e o feito de ter traballado con técnicos de primeiro nivel facilitaranlle a integración. "O baloncesto en España ten un IQ moi alto. A clave é ser capaz de xogar rápido, pero pensar ben cada movemento", explicou o base, quen está listo para achegar a súa polivalencia desde o primeiro día.
O factor Pazo
Walker no ocultou o seu entusiasmo por debutar ante a afección celeste: "Vin vídeos do ambiente no Pazo e estou máis que preparado para esa atmosfera". Defínese como un xogador leal e entusiasta que "sempre dá o 100%".
Coa súa chegada, o proxecto de Luis Casimiro suma unha peza de gran talento exterior para asegurar os obxectivos do club na recta final do campionato.