Luis Casimiro: a humildade do líder

Compartir con

Luis Casimiro: a humildade do líder

O detalle nun partido que se converteu nunha lección de liderado

Luis Casimiro camiña con paso firme cara aos 900 partidos dirixidos na segunda mellor liga do mundo: a Liga ACB. O seu currículo —con títulos de liga e coroa europea— sitúao, sen discusión, entre os técnicos máis experimentados do panorama actual.

A súa etapa á fronte do Río Breogán fala por si soa: dúas permanencias consecutivas logradas con solvencia, mesmo tras asumir o reto de tomar as rendas dun equipo en serios apuros na décima xornada da tempada 2024/25. Máxima esixencia, pero confianza plena no grupo; un estilo de xogo definido e unha identificación total coa filosofía do club.

Pero, entre todas as virtudes que pode reunir un adestrador do seu calibre, hai unha que o distingue de verdade: a que separa aos bos técnicos dos líderes auténticos.

O xesto que define a un líder

Ás veces, a esencia do liderado non se atopa nos grandes discursos, senón nun xesto case invisible. Ocorreu tras a xornada 30 da Liga Endesa, na sala de prensa do Movistar Arena. O Breogán acababa de asinar unha vitoria histórica ante o Real Madrid. Pasaran 24 anos desde o último asalto celeste á fortaleza branca.

O partido decidírase nun suspiro. A falta de catro segundos, unha acción do Madrid parecía cambiar o destino: canastra para o 98-99 e tiro adicional para forzar a prórroga. O escenario presaxiaba a tormenta perfecta. Pero entón, desde o banquiño visitante, Casimiro levantou a man. Pediu revisión de xogada.

Vira algo. Unha fenda no tempo. Unha falta previa no rebote, non no tiro.

Os árbitros acudiron ao monitor. Seguiron segundos dun silencio tenso. E a razón caeu do lado do Breogán: canastra anulada e dous tiros libres. O Madrid anotou o primeiro e fallou o segundo a propósito, buscando unha carambola que nunca chegou. O Breogán resistiu. E venceu.

A voz do equipo

Despois, na sala de prensa, a xornalista Pilar Casado lanzou a pregunta inevitable: — Luis, tiñas tan claro o "challenge"?

E aí apareceu o verdadeiro retrato do líder. Casimiro respondeu sen artificios:

“Había moita certeza no meu banco. Os meus axudantes e o capitán Érik Quintela estaban seguros. Teño un bo staff técnico, déixome asesorar por eles… e saíu ben”.

Non falou da súa intuición. Non falou da súa experiencia. Non falou de si mesmo. Falou dos demais.

Aí reside a clave. O líder non es quen acumula decisións, senón quen reparte confianza. Quen entende que o acerto colectivo vale máis que o brillo individual e quen sabe escoitar cando o ruído aperta.

Casimiro, coa serenidade de quen dirixiu mil batallas, segue escribindo a súa historia sen alzar a voz máis do necesario. E quizais por iso, porque non precisa impoñerse, ten o respecto. O Río Breogán anunciou a súa continuidade unha tempada máis. Non é só unha renovación; é unha declaración de principios.

Seguirá á fronte quen entende que mandar non é elevar a voz, senón crer. Seguirá o líder que o equipo precisa.

Parabéns.

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información