O Río Breogán afronta a cuarta xornada da Liga Endesa co obxectivo de manter as boas sensacións do inicio de tempada. Na previa do enfrontamento deste sábado contra o Morabanc Andorra, o técnico do equipo galego, Luis Casimiro, advertiu da dificultade do choque.
O adestrador manchego subliñou o bo traballo realizado durante os adestramentos semanais: «Adestramos ben, non houbo ningún contratempo a nivel físico e a verdade é que tivemos unha boa semana de traballo».
A pesar de que o conxunto andorrano aínda non coñece a vitoria nestes tres primeiros partidos, Casimiro eloxiou o nivel do rival: «Levamos tres partidos só. Eles competiron ben, son un equipo que ten as súas armas, que eu creo que sabe a que xoga e que os roles máis ou menos os ten definidos».
Para evitar sorpresas, o técnico exixiu a máxima concentración e poñerse na pel do adversario: «Eu póñome no seu lugar e pensaría que este partido que van xogar contra nós sería o mellor para poder sumar a primeira vitoria. Por tanto, o que teño que facer é ese acto de empatía para saber o que me vou atopar alí.
No plano táctico, Casimiro sinalou que unha das claves do encontro pasará polo rendemento defensivo preto do aro: «Eu creo que no xogo interior temos que estar ben, porque eu creo que eles teñen abondo arsenal interior». Así mesmo, valorou a importancia da cohesión de grupo e a química do plantel forxada desde a pretempada: «O ámbito da química e de levarse ben é un tema dos xogadores. Eu vou ser un gardián disto para axudar a logralo, pero é un traballo deles».