Un evento organizado polo Servizo de Oncoloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) contou coa participación do adestrador do Río Breogán, quen ofreceu unha charla sobre a xestión de equipos.
Casimiro outorgou a máxima importancia á comunicación dentro dos grupos humanos, así como á relevancia de xestionar as diferentes personalidades e roles para lograr o ben común. Estes aspectos son altamente aplicables a todo tipo de organizacións, incluídos os servizos de saúde, onde a coordinación de diferentes especialistas, enfermeiras e persoal de múltiples disciplinas é clave para lograr o resultado óptimo pensado para cada paciente.
Cada vez son máis as empresas e organismos que ven paralelismos entre o traballo dos adestradores ou xestores de equipos deportivos e o doutras disciplinas. Neste sentido, a experiencia de Luis Casimiro achega un valor incalculable.
Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento aos profesionais do HULA pola súa magnífica acollida e polo interese ao escoitar o coñecemento e a achega do noso técnico.
Esta actividade enmárcase no grupo de accións dirixidas a difundir os valores do deporte a través dos seus protagonistas e conta co impulso da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.