Luis Casimiro, na previa ao primeiro derbi galego da tempada en Liga Endesa

Compartir con

O adestrador del Río Breogán compareceu ante os medios de comunicación na rolda de prensa previa ao esperado derbi galego que enfrontará ao seu equipo e ao Monbus Obradoiro este domingo 1 de novembro ás 12.00 horas no pavillón de Fontes do Sar. 

O técnico celeste analizou pormenorizadamente o estado físico do seu persoal, as claves tácticas do encontro e a esixencia emocional que conleva un duelo de máxima rivalidade.

No apartado médico, o preparador breoganista confirmou que o equipo non chega en plenitude de condicións tras unha semana de traballo entorpecida por diversos problemas físicos. "Temos incidencias, hai dous xogadores que van arrastrando molestias, que non adestraron ao 100% e que esperemos que de aquí ao domingo poidan estar", sinalou Casimiro en referencia a Rasir Bolton e Aleksa Ilić, cuxa presenza final no choque dependerá da súa evolución nas próximas horas.

A pesar destas contrariedades, o técnico recalcou o ambiente especial que se respira na atmosfera do club e da cidade durante os días previos a este tipo de compromisos. "É normal porque é o primeiro derbi desta tempada a nivel galego, un derbi que poderiamos denominar como xa clásico entre Obradoiro e Breogán", explicou o adestrador, quen cualificou de "gozada" a oportunidade de vivir este espectáculo en primeira persoa: "Desfrutas da previa, o sentimento do himno... vén moi ben ao baloncesto galego e hai que desfrutar estes momentos".

En canto á análise meramente deportiva, Casimiro rexeitou a idea de que se trate dun enfrontamento de estilos diametralmente opostos, argumentando que as diferenzas se reducen a matices e, sobre todo, á porcentaxe de acerto de cara ao aro. " Nós estamos con bastante acerto e eles intentando facer un baloncesto tamén dinámico, pero están con menos acerto; esa é a diferenza substancial", apuntou o técnico.

No entanto, o preparador do conxunto lucense advertiu do principal perigo que entraña o escuadro santiagués, que soubo compensar as súas imprecisións no tiro a través dun agresivo xogo preto do aro. "Eles saben que están a ter baixas porcentaxes e a resposta están a dala no rebote ofensivo, onde están a ser moi bos", alertou Casimiro, subliñando que a clave defensiva do Breogán pasará por evitar que o rival controle "o rebote do noso taboleiro".

Respecto ao ambiente que se prevé na cancha compostelá, o preparador manchego mostrouse confiado na madurez e motivación dos seus homes para afrontar a presión da bancada. "A min como profesional me gusta xogar neses ambientes; aos xogadores motívalles e gústalles", aseverou, antes de lembrar que o persoal debe acudir coa "mentalidade aberta para saberse adaptar ao partido" e asumir que "se hai que baixar ao barro, tamén hai que ter a posibilidade de estar ben nese baloncesto".

Para rematar, o técnico breoganista quixo enviar unha mensaxe explícita de gratitude cara á marea celeste que apoiará ao equipo tanto nas bancadas de Fontes do Sar como desde a distancia. "O primeiro é agradecerlles a súa presenza alí, que seguro que a notaremos cando chegue o autobús. Aos que van estar apoiando e arrimando o ombro desde Lugo tamén lles dicimos que imos intentar facer o mellor traballo posible para que se poidan sentir orgullosos do equipo", concluíu.

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información