Unha delegación da compañía nipona visitou o Pazo dos Deportes
Nissan España e o seu concesionario Fergil Auto renovaron o seu apoio ao Río Breogán, reforzando así o seu papel como un dos principais patrocinadores do club lucense. Responsables da marca, que tamén actúa como partner de mobilidade mediante a cesión de dezaseis Qashqai de última xeración para o uso do equipo e do corpo técnico, confirmaron a continuidade do acordo nunha visita a Lugo.
Unha delegación da compañía visitou o Pazo dos Deportes acompañada por Rubén Gil, xerente do Grupo Ditram —ao que pertence Fergil Auto, concesionario de referencia de Nissan en Lugo— para formalizar a renovación.
No encontro coa plantilla participaron responsables da marca, entre eles o CEO de Nissan España, Christian Costaganna, o conselleiro director xeral, Alberto Vázquez, o director de Vendas e Desenvolvemento de Rede, Carlos Codes, o director Rexional Oeste, Ignasi Puyada, o xefe de distrito de posvenda, e David Marín, xefe de distrito de vendas. Responsables do club e da marca compareceron ante os medios de comunicación.
O director xeral do CB Breogán, Salva Arco, agradeceu o compromiso de Nissan coa entidade, destacando que se trata dun patrocinio que reforza o club ao asocialo cunha marca recoñecida a nivel internacional e cuxos vehículos son unha ferramenta imprescindible para o día a día de xogadores, técnicos e directivos. Unha idea que tamén subliñou Tito Díaz, director deportivo, quen incidiu na importancia de que un equipo competitivo conte coa mobilidade e as comodidades que ofrecen os modelos de Nissan para preparar os seus compromisos na que está considerada a mellor liga de Europa, a ACB.