O Breogán segue brindando con Estrella Galicia

Compartir con

A marca cervexeira seguirá figurando unha tempada máis na camiseta celeste nunha nova campaña na ACB

O Pazo dos Deportes de Lugo foi o escenario do acto de renovación do patrocinio de Estrella Galicia co CB Breogán. Os xogadores do equipo celeste, Erik Quintela e Dominik Mavra, acompañaron o responsable de patrocinios deportivos de Hijos de Rivera, Manuel Eiroa, e o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, que selaron o acordo brindando cunhas Estrella Galicia sobre o parqué do Pazo dos Deportes, onde o Breogán se enfrontará, unha tempada máis, aos grandes do baloncesto español na considerada mellor liga de Europa.

Salva Arco agradeceu, en nome do consello de administración do club, o compromiso de Estrella Galicia co Breogán: «É un privilexio contar cunha marca punteira, que leva tantos anos apostando polo deporte, acompañándonos de maneira tan decidida no noso desexo de competir cos mellores e poder levar o nome de Galicia o máis lonxe posible cos nosos valores de esforzo e unidade como bandeira».

A presidenta do CB Breogán, Carmen Lence, valorou moi positivamente a renovación co patrocinador: «É vital que os empresarios e empresarias galegas aposten polo noso deporte, dándolle valor e sentíndonos orgullosos do noso, como un exemplo de superación e de actitude, como demostrou sempre Estrella Galicia».

Pola súa parte, Manuel Eiroa, responsable de patrocinios da marca, comentou: «Para nós é un orgullo poder traballar da man do CB Breogán, un equipo co que compartimos valores tan propios do deporte como o compromiso, o esforzo e o apoio ao talento. Ademais, un club co que compartimos o apoio á nosa orixe e á nosa terra. Renovamos o compromiso coa mesma ilusión de sempre e coa ambición de acompañar o club nos obxectivos que se propoña».

O Breogán segue brindando con Estrella Galicia
O Breogán segue brindando con Estrella Galicia

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información