Co propósito de mellorar as condicións das instalacións deportivas, con foco no Pazo dos Deportes, en beneficio da sociedade lucense
A presidenta do CB Breogán, Carmen Lence, acompañada polo director xeral do club, Salva Arco, reuniuse nas oficinas do CB Breogán no Pazo dos Deportes coa alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, o Vicepresidente da Deputación Provincial, Efrén Castro, e o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.
O propósito da xuntanza foi o de atopar puntos en común para estudar en profundidade o estado do Pazo dos Deportes, de titularidade da Deputación Provincial, cuxa vicepresidencia está a efectuar actuacións que se detallaron na reunión.
Tódolos representantes expuxeron o seu punto de vista e coincidiron na necesidade dunha colaboración ampla para abordar unha mellora que comece cunha solución ambiciosa para o Pazo dos Deportes.
Os asistentes acordaron, sen prexuízo de manter as melloras urxentes que xa están en marcha, a licitación dun estudio que realice unha análise do estado do Pazo que expoña as diferentes posibilidades técnicas e orzamentarias dunha reforma profunda, detallando as posibilidades de modernización, ampliación e melloras de accesibilidade, entre outras.
Tódalas partes emprazáronse a novos encontros para seguir avanzando en solucións que melloren o estado das instalacións deportivas lucenses que permitan a celebración de grandes eventos, tanto de deporte profesional como de formación, e outras actividades culturais que dinamicen Lugo e a súa provincia.
