O CB Breogán e Nissan, a través do seu concesionario oficial en Lugo, Fergil Auto (pertencente ao Grupo Ditram), escenificaron a continuidade do seu acordo de colaboración
O acto oficial tivo lugar nun marco inmellorable como as instalacións da Finca La Fortaleza en Lugo, reunindo directivos de ambas as entidades, a plantilla e o corpo técnico do primeiro equipo, así como a cúpula directiva de Nissan Iberia e Fergil Auto.
Esta alianza, xa plenamente consolidada, permitirá ao club dispoñer duna flota oficial de 17 vehículos de última tecnoloxía para garantir a mobilidade do equipo e do corpo técnico.
Christian Costaganna: «É un gran pracer renovar esta alianza que nos permite gañar visibilidade»
O primeiro en tomar a palabra foi Christian Costaganna, director xeral de Nissan Iberia, quen expresou a súa satisfacción por dar continuidade a unha relación que vai máis aló do comercial:
«Para min é un gran pracer poder renovar outra vez esta colaboración co Breogán e co noso concesionario aquí en Lugo. Foi unha alianza que nos permitiu gañar visibilidade na rexión. A marca foi crecendo en España e concretamente en Lugo en consonancia cos resultados do club», destacou Costaganna.
Asemade, subliñou o desexo de seguir camiñando xuntos: «A tempada pasada foi moi boa e esta empezou de maneira entusiasmante. Estamos moi contentos de podervos entregar a nosa última tecnoloxía e esperamos seguir polo mesmo camiño».
Salva Arco: «Un patrocinio de verdade sostense sobre algo máis difícil que un acordo económico: a confianza»
A continuación, tomou a palabra o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, quen deu a benvida a toda a comitiva institucional de Nissan e fixo fincapé no valor humano e na lealdade que sosteñen este patrocinio:
«Un patrocinio de verdade sostense sobre algo moito máis difícil de conseguir que un acordo económico, que é a confianza entre dúas entidades que se esixen profesionalidade e que entenden que, cando unha crece, é indispensable que a outra creza», afirmou Arco.
O director xeral agradeceu especialmente a implicación constante de Fergil Auto e a rápida resposta que brindan sempre ao club: «Sodes unha parte indispensable do club, non só polo que facedes fóra, senón por ser unha empresa de persoas que apostaron por nós cando non tiñamos a visibilidade que temos agora. Este ano o Breogán cumpre 60 anos e, se algo aprendemos en seis décadas, é que o que perdura se constrúe con constancia, lealdade e xente que sempre suma».
Rubén Gil: «O Breogán é un sentimento; é un orgullo ser parte deste ecosistema»
Por último, interveu Rubén Gil, xerente de Fergil Auto (Grupo Ditram):
«O Breogán é un sentimento e, se non o tes dende o principio, acábaso incorporando, porque do Breogán igual non se nace, pero faise polo cariño que demostrades a todo o vososo ecosistema», sinalou o xerente do concesionario lucense.
Rubén Gil enfatizou ademais o orgullo que supón para o Grupo Ditram ser compañeiros de viaxe do club: «Para nós, ser parte do ecosistema de empresas patrocinadoras do Breogán e unha peza importante neste sentimento que hai na cidade énchenos de orgullo e satisfacción. Mentres nós poidamos, ides contar connosco sempre».
Tras as intervencións institucionais, o acto concluíu nun ambiente distendido e ameno entre os asistentes, directivos e xogadores da plantilla. Como broche final á presentación, os participantes compartiron un reto nunha canastra instalada para a ocasión.