
Salva Arco súmase á dirección do club como director xeral e Tito Díaz centrarase na dirección deportiva
A presidenta do CB Breogán, Carmen Lence, anunciou en rolda de prensa, celebrada no Hotel Forum Ceao, a nova configuración na parte directiva que comprende o seu reforzo con Salva Arco asumindo o cargo de director xeral, e Tito Díaz, que nos últimas anos realizaba dobre labor, centrándose na parcela deportiva como director deportivo.
Salva Arco, que puxo en marcha a Fundación Breogán con éxito na súa actividade, que terá continuidade con Luís Abel Taboada na dirección, pasa a formar parte da estrutura do club, que coñece á perfección desde a súa etapa como capitán.
Carmen Lence fixo balance dunha tempada dura pero con final satisfactorio e sinalou o ánimo do consello de administración e de toda a estrutura do club para seguir traballando no futuro e na viabilidade a longo prazo, como primeiro obxectivo, e a competitividade e estabilidade na ACB como obxectivos importantes.
Salva Arco agradeceu a confianza do consello e prometeu traballar a reo para que o club sexa orgullo da afección, patrocinadores e institucións, e siga sendo un patrimonio importante para Lugo, a súa provincia e Galicia.
Tito Díaz fixo balance deportivo dunha dura tempada na que a unión e compromiso dentro do club foi clave para acadar a permaneza en Liga Endesa superando as múltiples dificultades que foron saíndo durante todo o curso, e valorou moi positivamente a continuidade de Veljko Mrsic á fronte do banco celeste, co que xa traballa para confeccionar un equipo competitivo para o novo reto na máxima categoría.


