A instalación dun moderno cubo central por parte da Vicepresidencia da Deputación ofrece xa unha experiencia única aos afeccionados
Os partidos do Río Breogán no Pazo dos Deportes melloran a xa de por si espectacular experiencia que ofrece o baloncesto ACB para os máis de 5.000 asistentes que abarrotan o "Fogar do Breogán" cada vez que os celestes xogan como locais. Un espectacular videomarcador central, con 58 metros cadrados de superficie audiovisual que ofrecen imaxes en 360 graos, eleva a experiencia ao seguinte nivel.
Publicidade de patrocinadores, estatísticas, vídeos, imaxes que acompañan as presentacións dos equipos e a agardada emisión das revisións arbitrais (Instant Replay) son algunhas das novidades que dotan a experiencia de asistir aos partidos do Breo dun elemento innovador que facilita a interacción co público.
Pouco a pouco iran se implementando novas características pensadas para a participación dos espectadores, aproveitando as vantaxes técnicas desta novidade que a Vicepresidencia da Deputación incluíu na instalación.
Modernización constante do Pazo
O videomarcador é o paso máis recente dos dados nos últimos tempos para actualizar o Pazo, que data de 1992. Entre as melloras realizadas destacan a instalación de novos asentos individuais en todas as bancadas, a renovación da iluminación e melloras na cuberta para evitar filtracións, a optimización da climatización e extracción, que inclúe un sistema de regulado da temperatura do propio parqué para evitar condensacións e combatir os cambios térmicos extremos que sofre o recinto na contorna do Miño.
Desde a Vicepresidencia existe o compromiso de seguir implantando elementos que melloren a instalación en todos os niveis, desde o aforo ata a súa accesibilidade e son. Un avance que seguirá facendo do Pazo un lugar único para gozar do baloncesto.