O Río Breogán e o seu primeiro paso firme en Europa

Compartir con

O Río Breogán e o seu primeiro paso firme en Europa

O equipo lucense venceu no seu primeiro compromiso ao anfitrión, o BK Rilski Sportist búlgaro, por un contundente 126-80, no primeiro partido da fase de clasificación da Basketball Champions League. 

Ninguén sabe o que deparará a dura semana que o equipo ten por diante, na que debe gañar tres partidos máis para entrar á fase regular da competición, a que abriría un calendario de partidos con citas no Pazo dous Deportes de Lugo e en diversos puntos do continente.

É a cuarta aventura europea da historia do club. Alá por mediados dos 80, o equipo celeste estreábase na lembrada Copa Korać con Tito Díaz, Manel Sánchez, Suso Fernández, Juanfra Garrido, Jimmy Wright, Antonio Sacedo, Toño García, Juanmi Alonso e Winfred King,que chegaba para ocupar a praza de Jimmy Allen e para formar unha parella de moita calidade con Wright.

Naquela ocasión o equipo de Lugo competiu a bo nivel, pero non puido sumar ningunha vitoria ante equipos que soaban xa a xigantes do continente como ASVEL, Estrella Vermella e Varese.

O baloncesto lucense tivo que esperar décadas, ata a tempada 2022-2023, para que o Breo volvese buscar un camiño por Europa. Naquela ocasión non pasou do primeiro partido da fase de clasificación, caendo ante o Meridian serbio en Belgrado. Houbo que esperar unha tempada máis para que, grazas a unha gran clasificación dos celestes, o Río Breogán entrase directamente na fase de grupos por dereito propio. Houbo pleno de vitorias en Lugo e derrotas lonxe do Pazo, nunha gran experiencia europea.

Hoxe, nos inicios da tempada do 60 aniversario, o Breo busca de novo un calendario europeo, unha oportunidade de levar, como o está facendo xa na fase de clasificación, o nome de Lugo lonxe, moi lonxe.

Botando a vista atrás e celebrando xa as seis décadas de historia dun club modesto pero grande como é o Breo, hai que dar xusto valor a esta participación en Europa. Unha ocasión para coñecer outras filosofías, de medirse con equipos doutras ligas e para mostrar con orgullo o que o Breogán construíu durante estes anos. É tamén unha ocasión para aprender doutros clubs e de poñer en común con eles o pulso do noso deporte.

O Río Breogán viaxa a Europa con Lugo no frontal da camiseta, algo que, como se dixo acertadamente na presentación no Concello de Lugo, é reflexo do que os breoganistas levamos no corazón: o orgullo de Lugo e Galicia.

Desfrutemos da viaxe.

#ForzaBreo

O Río Breogán e o seu primeiro paso firme en Europa
O Río Breogán e o seu primeiro paso firme en Europa
O Río Breogán e o seu primeiro paso firme en Europa
O Río Breogán e o seu primeiro paso firme en Europa

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información