O Río Breogán non faltou á súa tradicional visita do Nadal á planta de Pediatría do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), co obxectivo de regalar uns minutos de alegría aos nenos e nenas ingresados e ás súas familias.
Cunha bolsa cargada de agasallos, a mascota Máximus e os xogadores Mihajlo Andric, Jordan Sakho e Danko Brankovic, acompañados por directivos e persoal do club, percorreron durante uns minutos a unidade pediátrica do centro hospitalario lucense.
Durante a visita, os representantes do club conversaron co persoal sanitario, que coida con grande cariño e dedicación aos pequenos pacientes, así como cos familiares e, por suposto, cos verdadeiros protagonistas: os nenos e nenas que, por diversas circunstancias, non puideron pasar as datas do Nadal na casa ou facelo de maneira completa.
Por uns intres, os máis pequenos puideron esquecer a súa estancia no hospital e pensar en volver pronto a xogar e gozar con normalidade.
Desde o club deséxase unha pronta recuperación a todos os pacientes e agradécese ao persoal médico, de enfermaría, aos auxiliares, á dirección e á área de Humanización do complexo hospitalario o excelente recibimento, así como o seu traballo e dedicación.