O Río Breogán - BAXI Manresa dará visibilidade a Diversa Sarria

Compartir con

O CB Breogán dedicará o partido do vindeiro sábado —28 de marzo, 18:00 horas— co Manresa a visibilizar e recoñecer o labor da Plataforma pola Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria, impulsada por familias con nenas e nenos con diversidade funcional.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o director xeral do CB Breogán, Salva Arco, presentaron a iniciativa xunto a Noelia Gómez, directiva da entidade, que enfoca o seu traballo en tres ámbitos: o asesoramento ás familias, o impulso da accesibilidade en espazos públicos e a sensibilización sobre a discapacidade infantil e a diversidade funcional coa programación de actividades culturais e lúdicas sobre esta temática.

Noelia Gómez valorou a importancia de "espazos de sensibilización como o que ofrece este partido" e animou a afeccionadas e afeccionados a "apoiar iniciativas que favorezan a inclusión real das persoas con discapacidade e diversidade funcional dentro das súas comunidades". Neste sentido, destacou explicitamente "a actividade da Fundación Breogán que, a través de proxectos como Arcos ou Persoas, fai un labor real de inclusión, máis alá das palabras".

Salva Arco amosou a satisfacción do club por "dar visibilidade a entidades que fan a sociedade mellor" e subliñou que "o deporte é unha ferramenta moi importante para transmitir valores e tamén para propiciar a inclusión". A este respecto, incidiu na necesidade de "que todas as entidades e asociacións con programación e actividades para nenas e nenos, non só as especializadas, nos impliquemos en crear as condicións para unha inclusión real".

Efrén Castro subliñou "a importancia do deporte no camiño cara á inclusión real, xa que ocupa unha gran parte do tempo de ocio, especialmente das nenas e nenos", e destacou a necesidade "dunha escoita e a colaboración permanente con entidades como Diversia Sarria para seguir avanzando na inclusión en todos os ámbitos da acción pública".

No marco desta iniciativa, o CB Breogán difundirá a través das súas redes sociais e nos emprazamentos publicitarios do Pazo o labor da Plataforma pola Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.

O Río Breogán - BAXI Manresa dará visibilidade a Diversa Sarria

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información