O deporte é unha potente ferramenta educativa que transcende a actividade física, converténdose nun motor fundamental para o desenvolvemento integral de nenos e mozos.
Máis aló da técnica e da táctica, a práctica deportiva promove valores esenciais como o respecto, a disciplina, a superación e o traballo en equipo.
Ademais, o seu impacto na saúde física e cognitiva é innegable: mellora a concentración, a memoria e a atención, o que adoita derivar en mellores resultados académicos, mentres axuda a xestionar emocións, aumentar a autoestima e facilitar a inclusión social en contornas cada vez máis diversas.
Nacido nos colexios
Esta visión do deporte como linguaxe educativa universal ten, tamén, raíz histórica no propio nacemento do baloncesto. Foi nunha institución académica onde James Naismith ideou este deporte, utilizando uns cestos de froita e un balón para que os seus estudantes puideran exercitarse a cuberto durante os rigores do inverno en Massachusetts.
Desde aquela orixe en Springfield, a semente expandiuse globalmente, vinculándose de forma sólida a institutos e universidades que hoxe son referentes en organización. Esta herdanza calou profundamente en todo o mundo, chegando a ser unha auténtica relixión, como o rechamante caso de Lituania ou a nosa propia provincia, Lugo, onde o baloncesto se vive cunha paixón que roza o espiritual.
Un deporte de mestres e alumnos
En Lugo, o CB Breogán mantivo desde finais dos anos 60 unha relación íntima e constante cos centros educativos. Non é casualidade que moitos dos seus adestradores, preparadores físicos ou membros do staff teñan formación como mestres e compaxinasen en diversas etapas as aulas co parqué.
O club sempre creu nunha relación fluída cos colexios, entendendo que as mensaxes sobre esforzo, alimentación saudable e descanso calan de forma moito máis profunda cando chegan de boca dun xogador profesional que alcanzou a elite baseando o seu progreso neses mesmos piares.
Saíndo ao patio
Recentemente, a visita de Érik Quintela e Jordan Walker a un centro educativo de Taboada invitounos a botar a vista atrás para poñer en valor esta traxectoria de case 60 anos. É frecuente escoitar a adultos lembrar con nitidez, coma se fose onte, aquela visita dos xogadores do Breogán ao seu colexio; un momento que quedou marcado para sempre na súa memoria.
Moitos outros recoñecen que se engancharon ao club grazas a unha invitación chegada ao seu centro escolar, iniciando de forma case casual unha relación de afecto e pertenza difícil de igualar en calquera outro ámbito.
A primeira lección do capitán
O propio Érik Quintela, hoxe Gran Capitán celeste, confesa en entrevistas que o seu primeiro recordo vinculado ao baloncesto foi a visita de Nacho Biota (xogador do Río Breogán de 2000 a 2004) ao seu colexio. Aquel encontro acendeu nel unha chispa que o levou ao máis alto.
Centos de visitas a colexios e miles de escolares pasando polo pavillón demostran unha unión indisoluble entre o Breogán e a educación. É un privilexio e unha responsabilidade que, co apoio da Fundación Breogán e a Basket Academy, seguimos reforzando cada temporada para que o legado continúe vivo nas novas xeracións.
Quen non forxou unha afección observando a un ídolo ou a un referente?