Os xogadores do Río Breogán, Érik Quintela e Jordan Sakho, visitaron o CEIP Plurilingüe de Castroverde, onde conversaron con alumnos e alumnas dos diferentes cursos sobre a vida do deportista, a importancia dos hábitos saudables e a convivencia entre as diferentes culturas que se dan cita nun vestiario profesional —como é o do Río Breogán—, pero tamén na sociedade actual e, por suposto, nos centros educativos.
Os xogadores transmitiron a visión de que a convivencia é unha oportunidade para aprender os diferentes costumes e linguas das persoas chegadas de diferentes puntos do planeta.
A experiencia de Jordan Sakho
Jordan Sakho contou como chegou a España con só 15 anos e a importancia de sentirse acollido para acadar unha plena integración, algo polo que se amosa moi agradecido.
Ao remate do encontro, os xogadores asinaron autógrafos e contestaron as múltiples cuestións dos alumnos e alumnas.
Desde o club queren transmitir o seu agradecemento ao colexio de Castroverde pola acollida, co desexo de volver verse moi pronto.