O Río Breogán, nas aulas: Sergi Quintela, Luka Brajkovic e Máximus en Riotorto
Xogadores do equipo celeste visitan centros escolares da provincia de Lugo
Unha charla sobre a vida do deportista, os hábitos saudables como a boa alimentación, o descanso e a importancia de compatibilizar o estudo co deporte, leva a xogadores do Río Breogán aos centros educativos da provincia, co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Sergi Quintela, Luka Brajkovic e Máximus visitaron o colexio CEIP Plurilingüe de Riotorto, onde ademais de responder multitude de cuestións dos alumnos , tiveron tempo para realizar fotos e asinar autógrafos de recordo para o centro, que preparou un gran recibimento.
Os alumnos e profesores, que xa puideron gozar dun partido en directo no Pazo, organizaron un recibimento espectacular cantando o himno do Breogán cunha coreografía na que participaron todos os estudantes, unha piñata coa foto do logo do Breo da que saíron decenas de preguntas, debuxos e cartas de felicitación e ánimo para o equipo, e mesmo unha torta cunha foto do grupo de alumnos con Máximus.
Unha mañá moi divertida para xogadores, alumnos, profesorado e Máximus. Grazas polo recibimento!