O Río Breogán presenta a campaña de abonados para a tempada 2025/2026

Compartir con

Un escenario con historia e sentimento

A presentación tivo lugar moi preto das Costas do Parque, un dos accesos tradicionais ao antigo pavillón municipal e unha localización cargada de valor simbólico para a afección breoganista. Este espazo, ademais de aparecer no himno do club, representa a conexión emocional entre o equipo e a súa cidade.

“Co celeste no peito”, máis ca un lema

A campaña deste ano adopta como lema unha frase que forma parte do propio himno do Breogán: “Co celeste no peito”. Este lema apela ao sentimento de pertenza e orgullo de toda a afección, lembrando que ser do Breogán é algo que se leva no corazón e se vive con paixón, máis alá dos resultados deportivos.

Unha nova etapa con máis ilusión

Aínda que a estrutura da campaña mantén liñas semellantes ás do ano anterior, o contexto presenta novidades importantes. O club acadou os 5.150 abonados e, ante a posibilidade dunha renovación masiva —seguindo a tendencia doutras campañas—, conta cunha dispoñibilidade moi limitada de novas localidades. Cómpre destacar que o Río Breogán foi o equipo con maior porcentaxe de asistencia en relación coa capacidade da súa instalación durante a pasada tempada.

Entre as melloras anunciadas destaca a remodelación do Pazo dos Deportes, que ofrecerá unha experiencia renovada para o seareiro: novo deseño da pista, videomarcador central, sistema de son, iluminación e climatización actualizados.

Prezos e modalidades de abono

Os prezos dos abonos experimentan un incremento do 5 %. Porén, mantéñense os descontos tradicionais por idade (infantil, estudante, sénior e veterano), así como bonificacións por fillos (7 %), parellas (16 %) e persoas desempregadas (12 %). Ademais, axústase o prezo nas zonas con visibilidade reducida (25 % menos) e amplíanse as zonas VIP para empresas, despois do éxito da experiencia piloto da pasada tempada.

O abono poderá financiarse en 3, 6, 10 ou 12 meses a través de ABANCA, sen necesidade de ser cliente da entidade, e tamén estará dispoñible en modalidade en liña.

Fases da campaña

A campaña desenvolverase en distintas fases:

  • Do 3 de xullo ao 3 de agosto: renovacións e novos abonos, segundo dispoñibilidade.

  • Do 5 ao 10 de agosto: período exclusivo para “Apaixonados”.

  • Do 12 de agosto ao 2 de setembro: acceso mediante lista de espera da pasada tempada.

  • A partir do 4 de setembro: venda libre ata esgotar localidades.

Novidades: “Apaixonados do Breo”

O club ofrece tamén a opción de converterse en “Apaixonado do Breo” por 125 €, con beneficios especiais:

  • Unha entrada de balde para un partido non premium.

  • Carné de apaixonado e camiseta exclusiva “Co celeste no peito”.

  • Acceso anticipado a billeteira con desconto do 50 %.

  • Preferencia na campaña de abonados 2026/27.

Este plan estará limitado a 50 prazas.

Complementos e fidelización

Os seareiros poderán engadir ao seu abono o acceso a:

  • Breogán Academy: 25 €, inclúe camiseta de agasallo.

  • Fundación Breogán: 42 € anuais.

A fase de renovacións ábrese na web oficial este 3 de xullo.

O Río Breogán presenta a campaña de abonados para a tempada 2025/2026

CONDICIÓNS XERAIS DE ADQUISICIÓN DO ABONO 2025/2026 PARA A LIGA REGULAR ACB

As presentes condicións xerais de compravenda (en diante, as "Condicións Xerais") teñen por finalidade fixar os termos e explicar os detalles da operación de adquisición ou renovación do abono.

O C.B. Breogán, S.A.D. actúa como titular do sitio web (en diante, o "CLUB"), con CIF A27156496 e domicilio social na Avda. Filarmónica Lucense, s/n, 27002, Lugo.

Os usuarios que accedan á web do Club con esta finalidade asumen e obríganse, de maneira voluntaria, a respectar os presentes termos e condicións do contrato de compravenda, quedando por tanto suxeitos a eles. Así mesmo, dende o momento no que o usuario ordene a adquisición/renovación do abono será considerado como "comprador", quedando obrigado nos devanditos termos fronte ao "vendedor", que será o Club. Nese sentido, a orde de compra dada polo comprador terá en todo caso carácter contractual vinculante, declarando este que posúe a capacidade legal necesaria para actuar e contratar nos termos aquí expostos, os cales aceptará expresamente antes de realizar a compra/adquisición do abono. Unha vez finalizada a transacción de pagamento polo prezo total ou, de ser o caso, a domiciliación da compra (con ou sen fraccionamento de pagamento) no suposto de ofrecerse esta posibilidade, considerarase formalizada a compravenda, entendéndose que se realiza no domicilio social do Club. A efectos do disposto no apartado de “Reserva de abono”, esta só dará dereito á titularidade do devandito abono no caso de que o seu prezo total sexa pagado na súa integridade antes da data sinalada, é dicir, antes do 2 de setembro de 2025. En caso contrario, automaticamente o titular da reserva desiste da compravenda e perde calquera tipo de dereito sobre a localidade/abono reservado, aceptando mediante estas condicións a non devolución por parte do Club da cantidade depositada como reserva.

Serán abonados do C.B. Breogán, S.A.D. (en diante, o "Club") durante a tempada deportiva 2025/2026 (de acordo coas Bases de Competición da Liga ACB) aquelas persoas que contraten o abono correspondente conforme ás seguintes condicións xerais.

O devandito abono permitirá o acceso aos partidos oficiais que o Club dispute exclusivamente durante a tempada 2025/2026 no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo, no marco da súa participación na fase regular da Liga ACB. Polo tanto, exclúense expresamente todos aqueles partidos que non pertenzan á fase regular da Liga ACB 2025/2026.

A titularidade do abono obterase coa compra/renovación do mesmo, exclusivamente de maneira online, e dará dereito ao abonado a acceder á plataforma correspondente para xerar o código QR individual, que se utilizará para acceder ao recinto deportivo en cada partido que o CB Breogán dispute como local no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo. Así mesmo, para quen o desexe, o Club ofrecerá a posibilidade de expedir o abono en formato de “carné físico” (tarxeta de abonado), cun custo adicional de cinco euros (5,00 €, IVE incluído). A perda ou extravío da tarxeta de abonado non será responsabilidade do Club. A expedición dunha nova implicará o pagamento de cinco euros (IVE incluído). O abonado comprométese a comunicar a perda ou extravío da tarxeta ao seguinte correo: administracion@cbbreogan.com ou chamando ao 982 231 050.

Só será válida a primeira lectura do código QR correspondente a un abono para o acceso ao recinto deportivo. En todo caso, o titular do abono será o responsable de calquera incidencia derivada dunha posible duplicidade. O Club resérvase a facultade de modificar o código QR en calquera momento da tempada 2025/2026.

O abono será nominativo e intransferible e a entrada e permanencia na instalación implica a aceptación do Regulamento Interno do Recinto Deportivo, que regula o réxime xeral de acceso e permanencia nos espectáculos e eventos deportivos organizados polo C.B. Breogán, S.A.D. Prohíbese a duplicación e/ou reventa da tarxeta de abonado ou do código QR en calquera dos seus formatos, podendo implicar a retirada da condición de socio abonado a todos os efectos. O Club poderá cancelar calquera abono detectado como revendido, duplicado ou usado fraudulentamente por unha persoa distinta ao seu titular, sen dereito a reembolso. Cumpriranse en todo momento as condicións de acceso ao recinto fixadas na Lei 19/2007, de 11 de xullo, contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, así como na Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e no Decreto 226/2022, de 22 de decembro. Para efectos de cancelacións e reembolsos de partidos, estarase ao disposto no artigo 29 do citado decreto. Entenderase por inicio do evento a hora fixada polo Club para a apertura de portas da instalación. O Club poderá exercer en calquera momento o seu Dereito de Admisión e resérvase o dereito a modificar o horario dos encontros por causas alleas á súa vontade.

Os abonos non poderán ser utilizados con fins publicitarios ou promocionais nin para outros usos comerciais sen o consentimento expreso do Club. A adquisición do abono non outorga ningún dereito, título ou interese sobre a propiedade intelectual ou industrial titularidade do Club.

Será obrigatorio amosar o abono para acceder á instalación, coa finalidade de ser escaneado e cotexado, e poderá ser requirido pola organización ou persoal de seguridade durante o encontro, así como o DNI ou documento equivalente.

O Club resérvase o dereito a modificar a localización dos abonos adquiridos/renovados por reformas no recinto deportivo ou causas de forza maior. Así mesmo, debido ás circunstancias excepcionais vividas co Sars-Covid 2, prevalecerán as normativas sanitarias vixentes, incluíndo posibles limitacións de aforo.

A duración do contrato do abono para a Liga Regular ACB comeza no momento da súa adquisición/renovación e esténdese ata o final da tempada deportiva 2025/2026.
O Consello de Administración poderá establecer unha limitación no número máximo de abonados, segundo o aforo do recinto. Así mesmo, o Club poderá permitir a entrada a outros encontros, oficiais ou non, pola condición de abonado, sempre a discreción do Club.

O abonado obrígase a sentarse na localidade asignada, sen ocupar vías de evacuación nin presenciar o partido de pé, segundo a normativa vixente. O abonado resarcirá ao Club por danos ou prexuízos causados ao patrimonio social. Así mesmo, o abonado recoñece e autoriza o uso da súa voz, imaxe e rostro nos partidos como acto público, en calquera soporte audiovisual ou fotográfico, sen compensación.

O abonado queda obrigado ao cumprimento do Regulamento Interno do Recinto Deportivo do C.B. Breogán, que poderá ser aplicado, entre outros medios, polo Órgano de Disciplina Social.

En base ao RGPD, o titular do abono autoriza o Club a conservar e tratar os seus datos para a xestión do servizo e para o envío de comunicacións comerciais por correo electrónico, postal ou SMS, tanto con base no consentimento como pola existencia dunha relación contractual previa. Os dereitos establecidos no RGPD poden consultarse na web do Club:
? https://www.cbbreogan.com/es/politica-de-privacidad

O abonado garante a veracidade dos datos facilitados e comprométese a mantelos actualizados, autorizando ao Club ao seu tratamento conforme aos artigos 6.1.b) e f) do RGPD.

CATEGORÍAS DO ABONO

  • BABY BREO: de 0 a 4 anos na data de alta (non dá dereito a localidade asignada*).

  • INFANTIL: de 5 a 17 anos (incluídos) na data de alta.

  • ESTUDANTE: de 18 a 24 anos (incluídos) na data de alta.

  • SENIOR: de 25 a 64 anos (incluídos) na data de alta.

  • VETERANO: persoas con 65 anos ou máis cumpridos na data de alta.

Para beneficiarse dos descontos por categoría, o abonado deberá achegar a documentación acreditativa que o Club poida requirir en calquera momento da tempada 2025/2026. No caso de non achegar a documentación correspondente ou de que a mesma non cumpra cos requisitos na data de compra, o Club poderá reclamar o pagamento da diferenza ata completar o prezo ordinario do abono.

En caso de conflito entre categorías, prevalecerá en todo caso a idade na data de alta do abono.

  • A categoría Baby Breo non dá dereito á asignación de localidade. Para obtela, deberase dar de alta como “Infantil”, asumindo todos os dereitos e obrigas desa categoría.

PREZOS ABONO LIGA REGULAR ACB

A seguinte táboa amosa os prezos dos abonos para a súa adquisición/renovación en función das categorías (e ubicación) expresadas no epígrafe anterior, así como os descontos correspondentes por “parella”, fillo/a e desempregado/a.

Os prezos inclúen o imposto correspondente.
A categoría Baby Breo implica o pago de dez euros (10 €), imp. incl.

ZONAS DE VISIBILIDADE REDUCIDA
Determinadas localidades dentro do recinto deportivo, concretamente na zona Fondo Estadio Alto, por coincidir coa parte superior da ubicación da Grada de Animación —debidamente identificadas no plano de distribución de abonos— correspóndense con zonas de visibilidade reducida. Estas localidades contan cun prezo inferior respecto ao valor ordinario dos abonos noutras zonas de características similares, e o comprador acepta expresamente que a visión desde esa localización pode estar parcial ou significativamente obstaculizada.
Coa adquisición dun abono nestas zonas, o abonado recoñece ter sido debidamente informado desta circunstancia, renuncia a calquera tipo de reclamación posterior por este motivo e acepta que o Club non estará obrigado a reembolsar, compensar ou modificar a súa localidade exclusivamente por esta condición de visibilidade limitada.
Os interesados poderán consultar o prezo destas localidades directamente co Club, ben presencialmente nas súas oficinas, ben a través do correo breo@cbbreogan.com. En todos os casos aplicaranse estas condicións á compra correspondente.

DESCONTOS

Aplicaranse os seguintes descontos sobre o prezo do abono (os descontos non serán acumulables entre si en ningún caso):

  • Desconto por parella: aplicarase un desconto do dezaseis por cento (16%) sobre o membro da parella da categoría “sénior”. A acreditación da condición de “parella” realizarase mediante Libro de Familia, Certificación de Inscrición no Rexistro de Parellas de Feito ou Certificado Rexistral correspondente.

  • Desconto por fillo/a: aplicarase un desconto do sete por cento (7%) por cada fillo/a menor de vinte e cinco anos (25) na data de alta do titular do abono. A filiación acreditarase mediante Libro de Familia. Para estes efectos, consideraranse fillos/as os pertencentes ás categorías “infantil” e “estudante”, excluíndose a de “Baby Breo”.

  • Desconto por desempregado/a: aplicarase un desconto do doce por cento (12%) unha vez realizada a adquisición/renovación do abono, logo da presentación ante o Club (presencialmente ou por correo electrónico a breo@cbbreogan.com) do certificado de procura activa de emprego, emitido con data anterior ao 1 de xullo de 2025. Este desconto só será aplicable aos abonados da categoría “sénior”. O prazo para presentar a documentación será de cinco días naturais tras a adquisición/renovación do abono. En caso contrario, entenderase desistida a opción de aplicar o desconto.

Se un abonado cumpre os requisitos para máis dun desconto, aplicarase unicamente o de maior porcentaxe, previa xustificación documental correspondente.

O beneficiario dun desconto por “fillo/a” ou “parella”, en relación cun abonado que realice a reserva do abono segundo o apartado “B. Reserva de abono”, perderá ese dereito se o abonado principal non completa a reserva. Neste caso, deberá aboar a diferenza ata completar o importe do abono antes do 2 de setembro de 2025. De non facelo, perderá a condición de abonado e o Club liberará a localidade.

Os abonados responsabilízanse en todo momento da veracidade, vixencia e autenticidade dos datos e documentos achegados, comprometéndose a mantelos actualizados.

B. OPCIÓN DE RESERVA DE ABONO:

Sen prexuízo do disposto na letra A anterior (renovación e adquisición de abonos), o Club habilitará a opción de “reserva de abono” desde o 3 de xullo de 2025 e ata o 3 de agosto de 2025, ambos inclusive, destinada unicamente ás persoas titulares dun abono da tempada 2024/2025. O mecanismo da “reserva de abono” consiste nun pagamento parcial previo do prezo total do abono, por un importe equivalente a corenta euros (40€, imp. incl.) e dentro dese prazo, coa finalidade de obter o dereito a un espazo temporal máis amplo para a renovación total do abono da tempada anterior. Os abonados/as que non efectúen a reserva do seu abono ata o 3 de agosto de 2025, inclusive, perderán o dereito inherente a dita reserva de localidade, así como calquera outro dereito derivado da súa condición de abonado/a da tempada 2024/2025.

Esta opción de reserva de abono dará dereito á titularidade do mesmo unicamente no caso de que o prezo total sexa pagado na súa integridade antes do 3 de setembro de 2025. No caso contrario, entenderase automaticamente que o titular da reserva desiste da compravenda e perde calquera dereito sobre a localidade/abono reservado, aceptando expresamente, mediante estas condicións, a non devolución por parte do Club da cantidade depositada como reserva. Así mesmo, cando o titular da reserva desista da compravenda dentro dos prazos indicados, o abonado ou abonada que, dentro da mesma unidade familiar ou de convivencia, se beneficiara dun desconto por fillo/a ou parella segundo o disposto nestas condicións, estará obrigado/a a pagar a diferenza correspondente se dito desconto non se tivese aplicado no caso de que o titular do abono non renovase (por desistimento da reserva). Esta diferenza deberá ser pagada antes do 10 de setembro de 2025 a través do medio de pagamento que lle indique o Club. No caso contrario, entenderase tamén como un desistimento da adquisición/renovación do abono por parte da persoa interesada.

Unha vez pagado o prezo total do abono reservado antes do 3 de setembro de 2025, entenderase formalizada a compravenda a todos os efectos destas condicións e activaranse os dereitos inherentes á adquisición total do abono, entre os cales figura a posible modificación da localidade no caso de haber dispoñibilidade.

Para os efectos de validez do pagamento e cómputo das datas, entenderase efectuado dito pagamento cando o importe ingrese na conta bancaria do Club como parte acredora, sen que, por tanto, a simple orde de pagamento supoña o cumprimento da obrigación, salvo que o xustificante acredite de maneira fidedigna a entrada do importe na entidade bancaria do Club como acredor.

 

C. LISTA DE ESPERA

A efectos do descrito no punto 3 do apartado A, habilitarase un prazo para a adquisición/compravenda dun abonamento (no caso de existir localidades libres segundo o exposto) para os inscritos na Lista de Agarda 2024/2025 habilitada na campaña anterior. Nesta lista de agarda figuran, por rigoroso orde de anotación, os interesados que acudiron presencialmente ás oficinas do club (Avda. Filarmónica Lucense, s/n, 27002, Lugo) durante a tempada deportiva 2024/2025 e se inscribiron na dita lista con interese en adquirir un abonamento para esa tempada ou para a vindeira 2025/2026.

Para iso, o club contactará de maneira telefónica e/ou escrita (sms) a través dos datos facilitados polos interesados inscritos (número de teléfono), exclusivamente para que confirmen o interese na adquisición dun abonamento para a tempada 2025/2026 entre as posibles localidades libres.

Para tal adquisición, facilitaráselle ao inscrito un código e contrasinal de usuario para acceder á plataforma en liña, otorgándolle un prazo de 24 horas desde a comunicación verbal ou escrita, e cun máximo de compra de abonamentos do total referido no momento da inscrición na lista de agarda 2024/2025.

Transcorrido ese prazo sen a adquisición do abonamento a través da plataforma, entenderase desistido o interese do inscrito na lista de agarda e contactado polo club, perdendo calquera dereito inherente a esa posición. En calquera caso, a condición de inscrito non poderá ser transferida a terceiros. A inscrición na lista de agarda non outorgará máis dereitos que os aquí expostos.

D. OPCIÓN DE PAGO CON FINANCIAMENTO

O C.B. Breogán, S.A.D. informa a todos os interesados que a adquisición do abono de tempada 2025/2026 poderá ser financiada a través da entidade ABANCA Servizos Financeiros E.F.C., S.A.U., entidade coa que o Club mantén un acordo de colaboración.

O financiamento está sempre suxeito á aprobación previa por parte de ABANCA Servizos Financeiros E.F.C., S.A.U. e ás condicións particulares establecidas por esta entidade financeira, sen que o Club interveña na decisión nin asuma responsabilidade algunha sobre a concesión, denegación ou condicións do préstamo solicitado.

Os interesados poderán obter máis información sobre esta modalidade de financiamento en:

  • Nas oficinas do Club (Avda. Filarmónica Lucense, s/n, Lugo).

  • A través do correo electrónico: info@cbbreogan.com.

Ao aceptar estas condicións, o abonado recoñece que foi informado da existencia desta posibilidade de financiamento externo e que a súa contratación, no seu caso, será completamente independente da relación xurídica de compravenda do abono formalizada co Club.

NORMATIVA DE ACCESO E PERMANENCIA AO RECINTO DEPORTIVO

O acceso é persoal, nominal, non transferible e deberá acompañar o abono co DNI ou documento equivalente para o acceso á instalación en caso de solicitude. Os abonados deben gardar o seu abono e mostralo a requirimento da autoridade (empregados, seguridade, policía). A falta deste poderá implicar a expulsión do recinto.

Segundo o RD 2816/1982 non se permite o acceso ao recinto con obxectos voluminosos, carriños de nenos ou outros elementos que poidan constituír un obstáculo en caso de evacuación.

Para abandonar a instalación, os espectadores deberán seguir as instrucións do persoal do Club e as indicacións por megafonía ou sinalización visible.

Os espectadores con mobilidade reducida accederán ás zonas habilitadas para tal fin.

A instalación non dispón de consigna.

O Club resérvase o dereito a modificar estas condicións por causa xustificada.

En todo caso, cumpriranse o Real Decreto 203/2010, do 26 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de prevención da violencia, racismo, xenofobia e intolerancia no deporte, que impide o acceso e/ou permanencia no recinto deportivo por motivos tales como (relación non exhaustiva):

  1. Participar en altercados, pelexas ou desordes públicos.

  2. Portar ou usar armas ou obxectos perigosos.

  3. Obxectos de máis de 500 g que poidan usarse como proxectís.

  4. Pirotecnia, explosivos ou produtos inflamables.

  5. Bebidas alcohólicas, estupefacientes ou substancias similares.

  6. Pancartas, bandeiras ou símbolos que inciten á violencia ou terrorismo.

  7. Cánticos, sons ou actitudes violentas ou terroristas.

  8. Invadir o terreo de xogo.

  9. Estar sancionado con prohibición de acceso a recintos deportivos.

  10. Usar medios para gravar ou transmitir imaxes, sons ou datos do partido, salvo para uso privado.

O Club dispón dun Regulamento Interno do Recinto Deportivo para consulta e cumprimento, sen prexuízo do anterior. A instalación conta con videovixilancia.

Está prohibida a recollida de datos estatísticos en directo para fins comerciais ou a súa distribución sen autorización expresa do Club e da Liga ACB.

Para dar servizo a todos os espectadores, o persoal do Club atenderá presencialmente a partir do 1 de agosto de 2024 nas oficinas de Avda. Filarmónica Lucense, s/n, 27002, Lugo, ou por teléfono no 982 231 050, ou por correo electrónico.

Para máis información sobre dereitos e obrigas dos abonados, así como sobre aspectos non contemplados nestas condicións, aplicarase a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, e o Decreto 226/2022, do 22 de decembro, que regula aspectos da organización dos espectáculos e crea o Rexistro de Empresas e Establecementos.

Conforme á Lei de Condicións Xerais da Contratación, e só para supostos que non afecten dereitos irrenunciables, as partes sométense expresamente aos Xulgados e Tribunais de Lugo, renunciando a calquera outro foro que poida corresponder.

O Club resérvase o dereito a modificar estas condicións por acordo do Consello de Administración.

OPCIÓN DE COLABORACIÓN COA FUNDACIÓN BREOGÁN

O C.B. Breogán, S.A.D. colabora coa FUNDACIÓN BREOGÁN para aumentar o seu número de benefactores, polo que dentro da plataforma en liña de compra de abonos do Club habilitarase un enlace para inscribirse voluntariamente como benefactor da Fundación Breogán. Este enlace redirixirá á web da Fundación para formalizar a inscrición conforme ás súas condicións xerais, que rexirán dita colaboración.

Máis información en: https://fundacionbreogan.org/

OPCIÓN DE COLABORACIÓN CO PROXECTO BREO ACADEMY

De forma voluntaria, o abonado poderá marcar unha casilla durante a compra do abono para colaborar co Proxecto BreoAcademy, unha iniciativa do Club que impulsa o deporte base na provincia e fortalece os vínculos entre clubs, escolas e mozos deportistas desde idades temperás.

Esta opción implica un pago adicional de 25 euros para sufragar parte dos custos de promoción e visibilidade do proxecto. A cambio, o Club entregará ao abonado unha camiseta oficial conmemorativa do proxecto (“CB Breogán Academy”), que se entenderá adquirida como contraprestación principal segundo o artigo 60 do Real Decreto Lexislativo 1/2007, de Defensa dos Consumidores e Usuarios.

A camiseta entregarase nos formatos e prazos indicados na web do Club ou mediante notificación.

Esta achega non é unha doazón, senón unha compravenda accesoria vinculada a unha iniciativa institucional do Club, sen implicacións fiscais distintas ao prezo da prenda.

O abonado poderá desistir da compra da camiseta sen xustificación nun prazo de 14 días naturais desde a recepción, devolvendo a camiseta en perfecto estado, sen uso e no seu embalaxe orixinal, asumindo os custos directos da devolución.

No caso de desistimento válido, o Club reembolsará o importe en 14 días desde a recepción da devolución.

Máis información en: https://tienda.breogan.es/condiciones-compra/

Este importe engadirase ao custo total do abono, aparecendo desglosado no ticket de compra, entendéndose como dúas adquisicións diferentes con dereitos e obrigas específicas.

ANEXO I

CONDICIÓNS DE FINANCIAMENTO COA ENTIDADE ABANCA SERVIZOS FINANCEIROS E.F.C., S.A.U.

O financiamento do abono da Tempada 2025/26 realizarase do seguinte xeito:
En liña, no momento de tramitar a renovación ou a alta online de cada un dos abonos.
Disponibilidade do financiamento: desde o 2 de xullo de 2025 ata o 15 de xaneiro de 2026, só para renovacións e novas altas. Non é aplicable ao pagamento na opción de reserva de abono.
Poderanse facer pagos en 3, 6, 10 ou 12 meses sen intereses, T.A.E. mínima do 9,96 % - T.A.E máxima do 10,02 %*, cunha única comisión cuxo custo se repartirá entre as cotas do financiamento: 3 meses (1,6 %), 6 meses (2,80 %), 10 meses (4,45 %) e 12 meses (5,25 %).

Para isto non é necesario que a persoa socia sexa clienta de ABANCA e para formalizar esta operación só é preciso o DNI da persoa titular se se financian cantidades iguais ou inferiores a 1.500 €. Se se supera esa cifra, haberá que presentar xustificantes de ingresos. Toda a información sobre o financiamento e os cadros de amortización está dispoñible en (www.cbbreogan.com). Importe mínimo de financiamento 150 € e cota mínima a financiar 20 €/mes.

*Financiamento suxeito á autorización de ABANCA Servizos Financeiros, E.F.C., S.A.U. A TAE reflectida en cada exemplo varía segundo o prazo de financiamento.

Exemplo de financiamento para 452 € en 12 meses:
Prezo de adquisición ao contado: 452 €. Comisión de estudo financiada 5,25 % (23,73 €), cuxo custo se repartirá entre as distintas cotas do financiamento. Cota mensual 39,64 € durante 11 meses e unha última cota de 39,69 €. TIN: 0 %. TAE: 9,98 %. Custo total: 23,73 €. Importe total adebedado e prezo total a prazos: 475,73 €. Sistema de amortización francés.

Exemplo de financiamento para 452 € en 10 meses:
Prezo de adquisición ao contado: 452 €. Comisión de estudo financiada 4,45 % (20,11 €), cuxo custo se repartirá entre as distintas cotas do financiamento. Cota mensual de 47,21 € durante 9 meses e unha última cota de 47,22 €. TIN: 0 %. TAE: 10,02 %. Custo total: 20,11 €. Importe total adebedado e prezo total a prazos: 472,11 €. Sistema de amortización francés.

Exemplo de financiamento para 452 € en 6 meses:
Prezo de adquisición ao contado: 452 €. Comisión de estudo financiada 2,80 % (12,65 €), cuxo custo se repartirá entre as distintas cotas do financiamento. Cota mensual 77,44 € durante 5 meses e unha última cota de 77,46 €. TIN: 0 %. TAE: 9,96 %. Custo total: 12,65 €. Importe total adebedado e prezo total a prazos: 464,66 €. Sistema de amortización francés.

Exemplo de financiamento para 452 € en 3 meses:
Prezo de adquisición ao contado: 452 €. Comisión de estudo financiada 1,6 % (7,23 €), cuxo custo se repartirá entre as distintas cotas do financiamento. Cota mensual 153,08 € durante 2 meses e unha última cota de 153,07 €. TIN: 0 %. TAE: 10 %. Custo total: 7,23 €. Importe total adebedado e prezo total a prazos: 459,23 €. Sistema de amortización francés.

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información