O Río Breogán mantivo a súa boa liña de pretempada ao imporse por 99-90 ao KK Mega serbio no Pazo dos Deportes de Lugo. O conxunto celeste brindou unha sólida actuación ante a súa afección no seu partido de presentación, superando o talento e dinamismo do equipo balcánico nun duelo de alto ritmo ofensivo.
No encontro non participaron os internacionais Dominik Mavra, Danko Brankovic e Jonathan Kasibabu, quen xa se atopan na capital lucense pero descansaron tras completaren sendas longas viaxes cos seus respectivos combinados nacionais.
A cita serviu tamén para que a afección do Pazo coñecese de primeira man a nova equipación celeste que o club lucirá durante a vindeira tempada na Liga Endesa, pechando así unha xornada festiva con moi boas sensacións de cara ao próximo compromiso: a Copa Galicia.