O Río Breogán visita ao Monbus Obradoiro no primeiro derbi galego da tempada

Compartir con

Fotos: Copa Galicia FEGABA
Fotos: Copa Galicia FEGABA

Chega unha das citas máis agardadas do calendario na Liga Endesa. Este domingo día 1, ás 12:00 horas, o Multiusos do Sar acollerá o primeiro derbi galego do curso nunha tempada histórica para o baloncesto da nosa terra, dada a presenza de tres conxuntos galegos na máxima categoría.

O encontro retransmitirase en directo a través de DAZN e a TVG, e contará cunha destacada representación do breoganismo. Un grupo de afeccionados da Marea Celeste desprazarase ata Santiago para facerse sentir na grada. As 90 entradas vendidas para socios celestes vendéronse en segundos. Mentres, en Lugo, a cita vivirase tamén na rúa: a céntrica Praza de Santa María acollerá unha pantalla xigante para seguir o choque, por iniciativa da asociación de empresarios Lugo Monumental.

En canto ao plano deportivo, ambos equipos chegan ao partido co mesmo balance de 3 vitorias e 2 derrotas tras as cinco primeiras xornadas. O Río Breogán ocupa actualmente a sexta posición da táboa, mentres que o Monbus Obradoiro se sitúa na undécima praza. Este será o primeiro duelo entre ambos na competición desde o enfrontamento de marzo de 2024. O historial xeral entre lucenses e composteláns na Liga Endesa atópase completamente igualado (4-4), aínda que con balance favorábel aos locais nos duelos disputados en Santiago (3-1).

O conxunto celeste afronta o derbi mostrando un gran potencial ofensivo. Aínda que na quinta xornada cortou a súa espectacular racha de partidos alcanzando os tres díxitos en anotación —sumando 90 puntos ante o Unicaja—, o Río Breogán mantense como o segundo equipo máis anotador da liga (103,6 puntos por encontro), só por detrás do Real Madrid. Ademais, é o único club da competición que figura no podio de acerto tanto en tiros de dous puntos (60,6%) como en triplos (42%).

O choque de este domingo pode deixar tamén varias cifras destacadas no eido individual para os xogadores do Río Breogán. O base croata Dominik Mavra, con 296 pases de canastra coa camisola celeste, atópase a só 10 asistencias de superar a Juanmi Alonso (305) para converterse no líder histórico do club nesta faceta. Pola súa banda, o escolta Francis Alonso atópase a 4 tiros libres de acadar os 300 na Liga Endesa.

Fotos: Copa Galicia FEGABA
Fotos: Copa Galicia FEGABA

Youtube

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.

Rechazar Aceptar Máis información